Ir o contido principal
STG

O CLM mantén aberta a inscrición na súa oferta de cursos de verán

Nos cursos de niveis superiores ao nivel inicial admitiranse só persoas que teñan coñecementos previos destas linguas, que serán comprobados no test de nivel do CLM, para que os grupos sexan homoxéneos. FOTO: Santi Alvite
Nos cursos de niveis superiores ao nivel inicial admitiranse só persoas que teñan coñecementos previos destas linguas, que serán comprobados no test de nivel do CLM, para que os grupos sexan homoxéneos. FOTO: Santi Alvite
Inglés, francés, galego para non galegofalantes e checo integran esta oferta formativa que a USC non puido ofrecer en 2020 por mor da pandemia
Lugo, Santiago de Compostela

O Centro de Linguas Modernas (CLM) da USC mantén aberta a súa oferta de Cursos de Verán para os meses de xuño e xullo. Inglés avanzado, sesións de conversa nos niveis intermedio e avanzado de inglés, tanto en modalidade presencial como en liña; galego para non galegofalantes a través de sesións de conversa de nivel avanzado; así como o seminario de checo no contexto universitario, todos eles en modalidade presencial ou en liña, integran a programación do Campus de Santiago. No campus de Lugo, ofértase o curso de francés por destrezas, expresión escrita e oral, de cara á preparación ao Diploma de estudos en lingua francesa (DELF). O procedemento e os distintos períodos de matrícula poden consultarse nesta ligazón.

A causa da pandemia da COVID19, e por primeira vez en máis de trinta anos, a edición 2020 dos Cursos  de Verán do CLM tivo que ser suspendida. Con este precedente e baixo a perspectiva de que a evolución da situación sanitaria o permita, convocouse esta edición dirixida tanto ao alumnado, PAS e PDI da USC como ás persoas externas á Universidade a partir de 16 anos cumpridos en 2021 ou antes, especialmente alumnado de bacharelato, profesionais e todas as persoas con interese en ampliar a súa formación en linguas estranxeiras ou cooficiais.

Contidos dos cursos

Nos cursos de niveis superiores ao nivel inicial admitiranse só persoas que teñan coñecementos previos destas linguas, que serán comprobados no test de nivel do CLM, para que os grupos sexan homoxéneos.

En todos os cursos, alén de contidos gramaticais, preténdese ofrecer técnicas e práctica de destrezas, estratexias de comunicación, así como contidos específicos e funcionais útiles nas estadías profesionais e privadas no estranxeiro, así como a práctica da destreza de expresión oral no marco dos exames oficiais.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 09.06.2021.