O Club Debate Compostela busca novos socios e socias
Coa fin de captar novos socios e socias así como docentes que desexen participar como xuíces na liga interna da USC, o Club Debate Compostela organiza este mércores 24 unha exhibición da súa actividade. Será ás 17.00 horas no salón de graos da Facultade de Matemáticas cando integrantes do Club debatan sobre unha cuestión de plena actualidade: ¿a educación debe ser centralizada ou descentralizada?. As persoas asistentes comprobarán así de forma clara que é o debate de competición e como se converte nunha óptima ferramenta para a aprendizaxe de habilidades esenciais na práctica estudantil e laboral como a oratoria, a argumentación, a documentación, a comunicación e o liderado, todas elas habilidades requiridas no modelo de Bolonia. Club Debate Compostela Anteriormente coñecido como Sociedade de Debate de Competición (Sodeco), o Club Debate Compostela acadou importantes premios no ámbito estatal, destacando os de Campión estatal en 2007-08, subcampión iberoamericano en 2012 e premios individuais aos mellores oradores nos anos 2007 e 2012.