Ir o contido principal
STG

O Colexio de Fonseca convértese en escaparate do emprendemento feminino universitario

III Feira de Emprendedoras de Compostela no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
III Feira de Emprendedoras de Compostela no Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A feira expositiva de proxectos innovadores liderados por mulleres abre as súas portas para visibilizar o labor de compañías referentes da comarca de Compostela

A Feira de Emprendedoras de Compostela abre a súa terceira xornada coa inauguración da mostra de proxectos empresariais liderados por mulleres. Esta edición, un ano máis froito da colaboración da Universidade e o Concello de Santiago, reúne até o 30 de outubro no claustro do pazo de Fonseca numerosas iniciativas que propoñen desenvolvementos científicos e tecnolóxicos emerxentes e novos modelos de negocio  para incrementar a flexibilidade e sustentabilidade das empresas ao tempo que poñen o centro no capital humano.

Entre os proxectos presentados cóntanse compañías xurdidas ao abeiro da Universidade, como as spin-off i-Grape Laboratory, que emprega diferentes residuos da industria agrícola e forestal para obter extractos naturais e bioactivos de alto valor engadido; AYeconomics, unha compañía experta na avaliación social e económica para a toma de decisións a través de tecnoloxías e metodoloxías innovadoras; Galchimia,  referente europea en síntese química e na achega de solucións para o descubrimento de fármacos; Celtarys Research, unha empresa centrada no desenvolvemento de ferramentas fluorescentes para aplicacións farmacolóxicas e biotecnolóxicas, ou Latento, un servizo multidisciplinar de expertas en identificación, orientación e intervención de altas capacidades.

Visita do reitor da USC, Antonio López, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo á feira. Foto: Santi Alvite
Visita do reitor da USC, Antonio López, e o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo á feira. Foto: Santi Alvite

O reitor da USC, Antonio López; o alcalde de Santiago, Xosé Sánchez Bugallo; a responsable de Desenvolvemento Económico, da Oficina de Promoción Económica do Concello, Carme Casado; e Eva López Barrio, coordinadora da feira e responsable do programa Woman Emprende da USC, tomaron parte no acto inaugural desta mostra vencellada ao Campus de Emprendemento con perspectiva de xénero da universidade. O reitor remarcou a importancia de que  o “coñecemento que xorde da universidade se transforme en ideas con valor empresarial, que sexan capaces de xerar riqueza e de mellorar as condicións de vida das persoas”. Antonio López salientou o valor engadido de iniciativas coma estas  lideradas por mulleres, chamadas a ocupar un lugar destacado na innovación empresarial e tecnolóxica.

A III Feira de Emprendedoras continúa durante o venres 29 e o sábado 30 no Salón Nobre do Colexio de Fonseca con conferencias e mesas redondas arredor da orientación laboral e a empregabilidade das universitarias, sobre o emprendemento universitario nos campos das humanidades, as ciencias sociais e xurídicas e os eidos cultural e artístico,  ou sobre a condición de Compostela como referente no eido da biotecnoloxía. O programa inclúe tamén o tratamento dos nesgos de xénero no campo das TIC, o liderado feminino nas empresas de base científica ou a economía feminista e o desenvolvemento de formas de emprendemento social, circular e sostible centradas nas persoas.

A concelleira de Urbanismo, Vivenda, Cidade Histórica, Acción Cultural e Igualdade, Mercedes Rosón, e a vicerreitora de Igualdade, Cultura e Servizos da USC, Mar Lorenzo, serán as encargadas de dar peche á feira o sábado ás 14.00 horas no Salón Nobre do Colexio de Fonseca.

Todo o evento retransmítese en liña a través da canle de Youtube de Woman Emprende, que tamén incluirá entrevistas coas investigadoras e emprendedoras participantes.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.10.2021.