Ir o contido principal
STG

Un coloquio na Facultade de Humanidades de Lugo analiza a evolución nos modelos de integración entre culturas

A conferencia, organizada pola Área de Lingüística Xeral, será impartida por Silvia López López, antiga alumna desta Facultade

A Área de Lingüística Xeral da Facultade de Humanidades de Lugo organiza o venres 30 a conferencia-coloquio ‘Os modelos de integración: do asimilacionismo ao interculturalismo’, a cargo da antiga alumna deste centro Silvia López López. A cita é na Sala de Graos da Facultade a partir das 11.00 horas.

O relatorio inclúe unha breve explicación dos distintos modelos de integración, a continuación da cal se presentará o Proxecto de Cidades Interculturais do Consello de Europa e a súa plasmación real na cidade de Barcelona. Así mesmo, Silvia López expoñerá tamén algúns exemplos actuais de boas e malas prácticas integradoras nos ámbitos laboral e escolar en España.

Silvia López López licenciouse en Humanidades en 2011, e durante o curso 2011–2012 realizou o máster en Xestión da Inmigración na Universidade Pompeu Fabra e tivo a ocasión de realizar as prácticas como orientadora de inserción socio-laboral na asociación marroquí Ibn-Battuta de Barcelona, que atende principalmente persoas inmigrantes procedentes de países de cultura árabe ou musulmá. O tema do seu traballo fin de máster foi “A incoherencia das respostas administrativas respecto ao veo na escola: os casos de Madrid, Cataluña e Galicia”.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.11.2012.