Un coloquio internacional analizará do 23 ao 25 de outubro en Humanidades as capitais representativas do poder en Hispania

O coloquio internacional ‘ As cidades do poder en Hispania’ congregará do 23 ao 25 de outubro na Facultade de Humanidades do campus de Lugo a un total de 24 historiadores e investigadores pertencentes a preto de vinte universidades de cinco países europeos, que analizarán o conxunto de capitais provinciais ou conventuais fundadas e/ou escollidas para representar o poder e administración do imperio romano en España.
O vicerreitor de Coordinación e Planificación do campus de Lugo, Pedro García Herradón, presentou este luns o foro de debate e estudo sobre as cidades do poder na época imperial, no marco dun acto no que tamén participaron os directores deste ambicioso programa e a decana da Facultade de Humanidades, María Isabel González Rey, ademais do deputado provincial delegado das Áreas de Cultura e Turismo, Mario Outeiro, e a concelleira de Cultura, Turismo, Xuventude e Promoción da Lingua do Concello de Lugo, Carmen Basadre. O obxectivo deste congreso internacional, promovido pola Facultade de Humanidades do campus de Lugo en colaboración co Departamento de Estudos Clásicos da Universidade do País Vasco, e en cuxa organización tamén colabora a Deputación e o Concello de Lugo, así como o Museo do Castro de Viladonga, céntrase na análise conxunta de cidades representativas do poder romano na época imperial, un estudo comparativo que nunca antes se tiña desenvolvido, segundo indicaron os organizadores. A intención dos promotores deste foro, dirixido polos profesores de Historia Antiga da USC María Dolores Dopico e Manuel Villanueva, xunto con Juan Santos Yanguas, catedrático da Historia Antiga da Universidade do País Vasco, é o estudo conxunto e comparado de cidades diversas na súa orixe e cun estatuto xurídico e unha estrutura urbana diferenciadas, pero que foron fundadas e/ou escollidas expresamente para representar o poder romano. As cidades do poder en Hispania son sedes da administración estatal, que acollen ao gobernador provincial de forma periódica ou permanente, albergan as súas estruturas administrativas (arquivos) e aos funcionarios imperiais que controlan a administración (libertos e escravos imperiais, procuradores...). Unha vez coñecido o cometido esencial e a función administrativa e institucional destas cidades, os relatores convidados a participar neste foro tratarán de pescudar que hai máis alá do poder, coa pretensión de esclarecer se estas cidades tiveron influencia en cuestións económicas, de transformación territorial e social, incidencia nas sociedades e o impacto sobre as comunidades indíxenas. Para cumprir estes obxectivos, os directores deste coloquio internacional congregarán durante tres días na Facultade de Humanidades do campus de Lugo 24 relatores procedentes de 17 universidades españolas e estranxeiras (Alemaña, Francia, Italia e Portugal), que actualmente son considerados os mais destacados investigadores nestes ámbitos. Todos aproveitarán a súa estadía en Lugo para expoñer os seus respectivos estudos desenvolvidos sobre esta temática, así como para debater e intercambiar opinións ao respecto. Os organizadores deste coloquio internacional, dirixido a estudantes e titulados universitarios, teñen solicitado á USC a concesión dun crédito de libre configuración para os asistentes. As distintas sesións programadas ao abeiro deste foro, que se desenvolverán no salón de graos da Facultade de Humanidades e para as que formalizaron a súa inscrición un total de 33 persoas, inclúen tamén unha visita arqueolóxica a distintos enclaves da capital luguesa.