Ir o contido principal
STG

Coloquio Internacional sobre léxico, dicionarios e innovación na Facultade de Filoloxía

A Facultade de Filoloxía acolle este xoves e o venres 28 un Coloquio Internacional sobre léxico, dicionarios e innovación dirixido a profesores de linguas de diferentes niveis, opositores, estudantes do máster de Profesorado e de últimos cursos de carreira.
A inauguración do encontro ten lugar ás 16:30 horas para dar paso ao profesor Stefan Schierholz, da Friedrich Alexander Universität Nürnberg (Alemaña). A continuación será a quenda da profesora da USC Mª José Domínguez Vázquez cun relatorio sobre a equivalencia na lexicografía contrastiva.
A xornada rematará coas charlas das profesoras da USC Mª del Carmen Losada Aldrey e Mª Teresa Díaz García sobre o dicionario de ELE na aula e a importancia do léxico na ensinanza-aprendizaxe dunha lingua estranxeira, respectivamente.
Xornada do venresA profesora Natalia Khamatgalimova, da Friedrich Alexander Universität Nürnberg (Alemaña), será a encargada de dar comezo ás sesións do venres, que seguirán coa intervención das profesoras da USC Mª José Sampedro Vizcaya e Mª Teresa Sanmarco Bande, que falarán do léxico das emocións e do tratamento dos falsos amigos léxicos nos dicionarios italoespañois. Remata a sesión matinal coa charla de Fabio Mollica, da Friedrich Schiller Universität de Jena.
O coloquio rematará pola tarde coa participación da profesora Nathalia Siqueira, da Universidade Estadual Paulista (Brasil); María Álvarez de la Granja, da USC; Carlos Valcárcel Riveiro, da Universidade de Vigo; e Gloria Clavería Nadal, da Universidade Autónoma de Barcelona.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.05.2010.