Comeza no campus de Lugo unha nova edición do curso de Especialista en Seguridade Social
A Escola Universitaria de Relacións Laborais do Campus de Lugo acolle dende esta semana unha nova edición do curso de Especialista en Seguridade Social, que se impartirá todos os xoves e venres pola tarde ata o 6 de xuño deste mesmo ano académico.
O curso ten unha duración de 250 horas e supón un total de 25 créditos. Está organizado conxuntamente pola Universidade de Santiago de Compostela, a Consellaría de Traballo, o Instituto Social de la Marina, o Instituto Nacional de la Seguridad Social e a Tesorería General deste mesmo organismo.
As clases, que terán lugar de 16:00 a 21:00 horas, están divididas en dez bloques de traballo, que comezarán co tratamento da evolución da Seguridade Social, así como dos distintos aspectos do seu réxime económico, xestión, nivel contributivo, rexímenes especiais, prestacións non contributivas e a tutela administrativa, entre outras, para rematar cun período de prácticas.
A inauguración do curso terá lugar este xoves, ás 18:00 da tarde, no salón de actos da Escola. Estará presidida polo vicerreitor do Campus de Lugo, Carlos Herrero, e por representantes das entidades organizadoras como José Vázquez Portomeñe, secretario xeral da Consallería de Traballo; Miguel Moreno Expósito, director provincial do Instituto Social de la Marina; Antonio Nores Quesada, subdirector Provincial do INSS e da Tesorería; Alfredo Mosteirín, da Fundación Campus, e Lourdes Mella, directora do curso. Ademais, o catedrático de Dereito da USC Javier Gárate ofrecerá a conferencia inaugural.