Ir o contido principal
STG

Comeza en Matemáticas a Conferencia ‘Geometry and Global Analisys’, dedicada a Peter Gilkey

O reitor Juan Casares presidirá o vindeiro luns 13 o acto inaugural da conferencia internacional en ‘Geometry and Global Analysis’. A sesión celebrarase na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 9:30 horas e contará coa presenza ademais da decana do centro, a profesora Mª Victoria Otero Espinar; do director do Instituto de Matemáticas da USC, Eduardo García Río; e dos membros do comité organizador de Miguel Brozos e José Carlos Díaz Ramos. Este congreso desenvolverase entre o luns 13 e o xoves 16 na USC e o venres 17 na Universidade da Coruña, estando concibido o programa como un tributo ao profesor Peter Gilkey, con motivo do seu 65 aniversario, en recoñecemento á súa contribución ao desenvolvemento das matemáticas e máis particularmente das súas achegas no eido da xeometría diferencial e a análise global. O programa contará co concurso dunha serie de conferenciantes convidados que presentarán as súas achegas neste eido de estudo e a directa implicación dos traballos co labor investigado rde Peter Gilkey. A Conferencia contempla dous bloques de traballo, un primeiro entre os días 13 e 16 con sesións científicas na Facultade de Matemáticas da USC e o segundo o venres 17 na Coruña dedicado á figura do homenaxeado.

Ligazóns relacionados:

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2010.