Comezan este martes na USC unhas xornadas sobre economía agraria
O Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolle esta semana, os días 28 e 29, as I Xornadas sobre economía agraria que organiza a Liga Estudantil Galega con varios sindicatos e formacións agrarias. A xornada inaugurarase ás 11.30 horas e a continuación Lidia Senra, membro da Executiva Nacional do Sindicato Labrego Galego (SLG), falará da soberanía alimentaria como garantía de futuro. Os relatorios continuarán pola tarde coa intervención do profesor da USC experto en economía agraria Edelmiro López titulada ‘Que medio rural para a Galicia do século XXI? Algunhas cuestións para o debate’ e da secretaria xeral do SLG, Carme Frire, co título ‘Ameazas actuais sobre a produción de alimentos na Galiza (PAC- Terra-Auga)’. A sesión do mércores 29 dará comezo ás 10.30 horas coa charla ‘Os transxénicos, un negocio para quen?’ a cargo de Xosé Ramón Cendán, membro da Executiva Nacional do SLG. Continuará a xornada cun debate arredor do emprendemento no rural galego no que participarán labregos da comarca de Compostela e o profesor da USC especialista en desenvolvemento local, Gonzalo Rodríguez.
As xornadas clausuraranse ese día pola tarde logo das intervencións do profesor da USC experto en cuestións enerxéticas Xoán Doldán e DE Manuel Jordán, coordinador científico do Libro Branco do Cooperativismo en Galicia, tituladas ‘O rural galego en tempos de colapso enerxético’ e ‘O cooperativismo en Galiza’, respectivamente.