Comezou en Económicas un ciclo de charlas con directivos de empresas do Polígono Industrial do Tambre
A Aula de Práctica Empresarial da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais da USC iniciou esta semana un ciclo de charlas-coloquio con directivos das empresas do Polígono Industrial do Tambre.
Jesús Chenel Noya, do Grupo Noyamóvil, foi o encargado de inaugurar este ciclo no que os profesionais participantes, todos eles empresarios do Polígono do Tambre, pretende ofrecerlle aos asistentes a súa experiencia empresarial dende os seus inicios ata a consolidación no mercado ao tempo que analizar a situación actual do sector no que desenvolven a súa actividade. As intervencións compleméntanse cun coloquio cos universitarios participantes no ciclo.
A próxima cita deste ciclo que coordina a profesora Loreto Fernández Fernández desenvolverase o vindeiro xoves 29 coa presenza de Manuel Nieto García, de DST Software SL. A sesión celebrarase a partir das 12:00 horas no Salón de Graos da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.
Curso de Competencias Profesionais do Economista‘O exercicio da profesión na empresa: Área Comercial’ foi a área temática coa que este venres 23 comezou o curso de Competencias Profesionais do Economista que tamén organiza a Aula de Práctica Empresarial.
Na xornada inaugural deste curso interviñeron o conselleiro delegado de CXG Corporación Caixa Galicia, José L. Méndez Pascual; a directora do Departamento de Desenvolvemento Estratéxico de Directivos de Caixa Galicia, María Camino Agra; e o director xerente de Recursos Humanos de CXG Corporación Caixa Galicia, Álvaro Cela del Río.
A seguinte sesión do curso celebrarase no mes de abril, o día 13, e nela a directora de Loxística de Inditex, Lorena Alba, reflexionará sobre as particularidades do traballo nunha área de compras e loxística. Esta intervención desenvolverase a partir das 12:00 horas na Aula 28 da Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais.