Ir o contido principal
STG

ComezOU o IX Foro Internacional sobre Avances en Tecnoloxía Farmacéutica-CISDEM

A inauguración presidiuna a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes (Foto: SERVIMAV-USC)
A inauguración presidiuna a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes (Foto: SERVIMAV-USC)

Máis de 80 docentes, investigadores e profesionais da industria procedentes de distintos países europeos e iberoamericanos danse cita esta semana na Facultade de Farmacia para asistir ao IX Foro Internacional sobre Avances en Tecnoloxía Farmacéutica-CISDEM que organiza o grupo IDFarma da USC. A inauguración presidiuna a vicerreitora de Investigación e Innovación, Isabel Rodríguez-Moldes, e nela participaron ademais os presidentes dos comités organizador e científico do encontro, Angel Concheiro Nine e Ramón Martínez Pacheco.

No transcurso do acto presentouse o libro Biomateriais aplicados ao deseño de sistemas terapéuticos avanzados, como parte das actividades recentemente finalizadas da rede CYTED Rimadel coordinada por Alejandro Sosnik desde a Universidade de Bos Aires e por Carmen Alvarez Lorenzo da USC. Xusto a continuación da apertura o profesor Ángel Carracedo pronunciou unha conferencia sobre farmacoxenómica e medicina individualizada.

Entre os asuntos a tratar figuran a medicina personalizada, a formulación de péptidos e proteínas, os excipientes con prestacións avanzadas, os sistemas nanométricos para administración de fármacos e as súas aplicacións en teranose, os produtos sanitarios anti-biofilm e as aplicacións da tecnoloxía de fluídos supercríticos ao desenvolvemento de scaffolds para medicina rexenerativa. Haberá tamén unha mesa redonda na tarde do xoves sobre novas aproximacións á garantía de calidade dos medicamentos (calidade baseada no deseño).

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.11.2015.