Ir o contido principal
STG

Compostela e Lugo súmanse á Noite Europea das Persoas Investigadoras o venres 24 de setembro

Os diferentes centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade
Os diferentes centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade
A tamén denominada G-Night albergará no Vello Cárcere e no xardín do Colexio de Fonseca, un nutrido programa de actividades co que se quere “sacar a ciencia dos edificios e levala á rúa” para amosar o seu impacto na vida cotiá das persoas
Lugo, Santiago de Compostela

A G-Night ou Noite Europea das Persoas Investigadoras é un evento de divulgación científica que se celebra de xeito simultáneo en cidades de toda Europa o último venres de setembro e ao que tamén se suma a USC.  A través dun nutrido programa de actividades que se desenvolverán o 24 de setembro de 18.00 a 21.30 horas no xardín do Colexio de Fonseca, así como de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere de Lugo, preténdese “sacar a ciencia dos edificios e levala á rúa”, explica o investigador da USC e coordinador da iniciativa José Antonio Costoya. O persoal investigador é o protagonista da G-Night ao amosar a diversidade da ciencia e da tecnoloxía, así como o seu impacto na vida cotiá das persoas.

Santiago

Na zona central do xardín de Fonseca, situarase o Espazo ágora no que, con capacidade para vinte persoas, desenvolverase o espectáculo Ciencia Máis. Esta parte da G-Night trata de conectar o público coa ciencia e cos científicos demostrando que a investigación non só é accesible para todos, senón que tamén é útil e divertida mediante o uso de formatos orixinais e creativos. Debido ás múltiples procedencias disciplinares dos relatores e relatoras, diferentes campos científicos cubriranse dun xeito sinxelo coa idea de que todos e todas, independentemente da formación educativa, poidan gozar dela. Ademais, co obxectivo de demostrar que a ciencia é diversa e para reducir os estereotipos sobre investigadores/as e a súa profesión, haberá representación do colectivo LGTBI e prestarase unha atención especial ao equilibrio de xénero.

Os diferentes centros singulares de investigación da USC presentarán asemade a súa actividade no denominado Espazo experientia. Diferentes obradoiros de interacción e demostración disporanse no perímetro do recinto, para abordar cuestións tan diversas como a eliminación de microcontaminantes e sólidos en augas residuais na auga, a química no día a día, as plaquetas, a biotecnoloxía na cociña ou a robótica, entre outros múltiples eidos.

Lugo

No caso do Campus de Lugo, a G-Night desenvolverase de 18.00 a 22.00 horas no Vello Cárcere, un espazo recuperado como lugar de memoria e centro cultural. Os obradoiros, presentacións e demostracións organizadas polo grupo XuvenCiencia en colaboración coa Asociación de Investigadores AgroMar do Campus de Lugo están dirixidos a público de todas as idades e intereses. Adaptaranse os espazos do edificio: o patio panóptico interior e as celas, para levar obradoiros nos que aprender a técnica da PCR ou a cuantificar a cantidade de proteínas do leite a través dun método fotométrico, ademais de realizar frotis sanguíneo ou coñecer o funcionamento da fibra óptica. Tamén haberá obradoiros no eido das ciencias sociais que se achegarán ao ciberbullying e aos estereotipos de xénero. Para os máis pequenos ofértase, asemade, un obradoiro de aprendizaxe cooperativa.

As demostracións serán tan variadas que abranguen dende a clonación de árbores in vitro ata a realidade aumentada e a impresión 3D, a fotosíntese artificial ou unha modalidade de hardware libre para rexistrar parámetros ambientais como a humidade ou a temperatura. As punteiras investigacións que desenvolve o Campus de Lugo da USC con peixe cebra para a súa aplicación en doenzas humanas ou a determinación do grosor dun cabelo mediante difracción son outras das propostas. Dúas persoas investigadoras da Universidade de Porto, chegadas especialmente para esta G-Night luguesa, convidarán os participantes a construír un móbil da idade de pedra e a facer experimentos de física. Finamente, o patio central do Vello Cárcere abrirase para unha presentación de robótica ao servizo da sociedade.

‘Conciencias creativas’

A USC toma parte, xunto con UVigo e UDC, no consocio que impulsa a G-Night baixo o lema ‘Conciencias creativas’. Cun financiamento de preto de 154.000 euros, procedentes do programa marco H2020, a través das Marie Sklodowska-Curie Actions (MSCA), as universidade de Santiago e A Coruña, o Cesga, a Unidade de Cultura Científica da Delegación do CSIC en Galicia e Instituto de Investigacións Mariñas, o Centro Oceanográfico de Vigo (IEO, CSIC), Gradiant, Itmati, Inibic e Sebbm, integran o consorcio que desenvolverá a Noite galega das persoas investigadoras, que ademais de nas cidades galegas, celebrarase de xeito simultáneo en máis de 360 localidades de toda Europa.

No ano 2019, máis de millón e medio de persoas, de máis de 400 cidades de case unha trintena de países europeos, participaron na Noite europea das persoas investigadoras, na que ademais tomaron parte máis de 36.000 investigadoras e investigadores. En 2020, o evento celebrouse de xeito virtual cun total de 52 ‘Noites’ en 29 países.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.09.2021.