A comunidade universitaria elixe este xoves 12 a primeira reitora na historia da USC
A USC elixe este xoves 12, a través de votación electrónica que se desenvolverá entre as 9.00 e as 18.00 horas, a primeira reitora na historia da Universidade de Santiago de Compostela. As profesoras Rosa Crujeiras, Maite Flores, María José López Couso e Alba Nogueira son as catro candidatas a dirixir a institución universitaria nos vindeiros seis anos. Na xornada electoral tamén serán elixidas as persoas representantes no Claustro universitario, así como nas Xuntas de Centro e nos Consellos de Departamento.
Durante a xornada electoral, ofreceranse avances de participación ás 12.00 horas e ás 16.00 horas a través do web habilitado a efectos de transparencia. A comunicación de incidencias durante o proceso de votación poderá realizarse enviando unha mensaxe a evoto [at] usc.es (evoto[at]usc[dot]es). Os resultados finais da votación poderán consultarse nesta ligazón, unha vez finalizado o escrutinio.
Prazos
O día 13 de febreiro producirase a proclamación provisional de candidatos/as electos/as en todos os procesos, mentres que os recursos ante a Comisión Electoral Central estenderase do 18 ao 24 de febreiro. A proclamación definitiva terá lugar o 26 de febreiro.
No caso concreto das eleccións a reitora, no caso de ser precisa unha segunda volta, a campaña prolongaríase entre o 27 febreiro e o 9 de marzo, quedando reservado o día 10 para a xornada de reflexión e o 11 dese mes para as novas votacións. O día 12 de marzo tería lugar a proclamación provisional da reitora electa, mentres que os recursos poderán efectuarse entre o 13 e o 20 marzo. A proclamación definitiva da reitora electa será o 23 de marzo. Pode obterse máis información sobre os tres procesos no web de ‘Participación e procesos electorais’.