Ir o contido principal
STG

Concello de Lugo e a USC organizan o I Maratón Empresarial de competición por simulador

O Concello de Lugo e a USC presentaron este martes o I Maratón Empresarial Universitario no que seis grupos de tres alumnos do último ano de Administración e Dirección de Empresas competirán a través dun simulador que copia o funcionamento integral dunha empresa en todo os seus aspectos.
Cada un dos equipos participantes constitúese como unha empresa que compite contra as demais na toma de decisións de aspectos estratéxicos, comerciais, operacionais ou financeiros, entre outros. Todos parten coa mesma situación inicial e coñecendo a evolución do mercado dos diferentes produtos durante os 24 meses anteriores. O equipo gañador será o que alcance a maior cifra de beneficios.
Esta iniciativa pretende familiarizar ao estudante co ámbito no que actúa unha empresa, así como a comprensión do seu funcionamento, o proceso de toma de decisións, a xestión estratéxica ou a asunción de responsabilidades. Aos alumnos que participen, cubran as decisións e ademais obteñan beneficios, outorgaráselles un crédito de libre configuración.
Previamente á sesión maratoniana, na que os alumnos deberán tomar as decisións, establécese un tempo de estudo e práctica para que os participantes coñezan a mecánica do xogo no ordenador. Esta sesión non é presencial e as consultas e dúbidas poderanse facer a través do correo electrónico. Os días 3 e 4 de maio desenvolveranse as sesións do xogo, no Centro de Empresas e Innovación en horario de 9:30 a 13:30 horas e 16:00 a 20:00 horas, sendo a exposición final do informe de xestión por equipos o venres 4.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 17.04.2007.