O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 entrega este xoves os seus galardóns
O concurso Explícoche Matemáticas 2.0 entregará este xoves 28 os seus galardóns aos premiados deste ano nunha sesión na Aula Magna da Facultade de Matemáticas a partir das 17.00 horas. No mesmo acto, a profesora do centro Elena Vázquez Abal impartirá a conferencia ‘Mates, mates... para qué?’. O vídeo Regra e compás dos estudantes de 4º curso do Grao en Matemáticas Juan Ignacio Bedoya Cabanelas, Sebastián Buedo Fernández e Daniel Cao Labora fíxose co premio na sección de universidade, mentres que de ensino secundario o vencedor foi Centroide do Concello de Silleda , de Denise Varela Cornado, Sonia Troitiño Loureiro e Carlos Mato Rodríguez, estudantes do IES Pintor Colmeiro (Silleda). Ademais, o xurado acordou conceder dúas mencións honoríficas. Unha, a Hotel Hilbert , realizado por Tania Beiro, Andrea Rey e Alba Sendón Blanco, do IES Lamas de Castelo (Carnota), e outra a As matemáticas, a fonte da vida , do que son autoras María Casal Regueira, Carlota Fiaño Salinas e Sara Paz Pena, do IES Isaac Díaz Pardo (Sada). Finalmente, Xeometría na area , dos alumnos de 2º de bacharelato do IES Carlos Casares de Viana do Bolo Victor Fernández Fernández, Paula Núñez Páez e Nerea Pérez Salgado, foi o mellor valorado polos internautas, que puideron ver os vídeos participantes no Mateblog, a web dos concursos matemáticos da Fundación Barrié. Explícoche Matemáticas 2.0 Explícoche Matemáticas 2.0 ten como obxectivo promover a utilización do galego como medio de transmisión das matemáticas, así como a creatividade do alumnado, a través da realización de curtametraxes de dous minutos de duración nas que se explicaran en galego un tema relacionado coas matemáticas, ben dende un punto de vista formal (definición dun concepto, un teorema, idea intuitiva e/ou aplicación), ou ben, cun carácter divulgador, reflectindo como se utilizan as matemáticas na vida cotiá, na cultura, na arte ou na sociedade. Dirixido ao alumnado do Sistema Universitario de Galicia e a estudantes de 3º e 4º de ESO e 1º e 2º de Bacharelato dos centros de educación secundaria de Galicia, nesta cuarta edición presentáronse 32 vídeos, tres deles na sección de universidade e os restantes na de ensino secundario. O concurso contou co apoio do Servizo de Normalización Lingüística da USC e convócao a Facultade de Matemáticas a través da súa Comisión de Normalización Lingüística. Nesta ocasión, o xurado estivo composto por Victoria Otero Espinar (presidenta), Xosé M. Masa Vázquez, Manuel Bermúdez Blanco, Rosa Mª Fernández Rodríguez, Rubén García-Loureda Díaz, Celso Rodríguez Fernández, Mª Elena Vázquez Cendón, Alberto Cabada Fernández e Manuel Vilariño. O xurado, que destacou a elevada participación de estudantes de ensino medio “con traballos desbordantes de calidade e entusiasmo”, valorou distintos aspectos coma a corrección matemática e lingüística, a eficacia narrativa, a calidade técnica ou a orixinalidade.