O concurso ‘Explícoche matemáticas 2.0’ entregará este mércores os seus premios
Curtametraxes de dous minutos de duración máxima nas que se explique en galego un concepto matemático. Ese era o reto que formulou o concurso Explícoche Matemáticas 2.0 e que este mércores 25 entregará os seus premios aos mellores traballos. O acto de entrega celebrarase a partir das 17.00 horas na Aula Magna da Facultade de Matemáticas coa asistencia da decana do centro Victoria Otero Espinar e da directora de Programas da Fundación Barrié, María José Mariño Fontenla.
Na súa edición 2016, o xurado elixiu como proposta gañadora ‘As matemáticas que gañaron a Segunda Guerra Mundial’ de Álvaro Cañete Rossel, Carolina Grille Sieira e Clara Vales Fernández, de 3º de ESO do Colexio Obradoiro da Coruña, baixo a que prestou apoio como titor Jonás González Guinea.
O premio ao vídeo mellor valorado polos internautas foi para ‘Múltiplos e euros’ de David Barros Caamaño, Juan Busto Zúñiga e Eloy Rubín Ramos Bouzas de 4º de ESO do CPR San Fermín de Caldas de Reis, con Miguel González Taboada como titor. Finalmente, a gañadora na sección de Universidade foi Andrea Vilar Álvarez, estudante de 3º de Matemáticas na USC polo vídeo ‘Unha viaxe de París a San Francisco’.
O xurado encargado de avaliar as propostas presentadas a concurso integrárono ademais da decana, o director do Servizo de Normalización Lingüística da USC, Manuel Núñez Singala; Rubén García-Loureda Díaz en representación da Fundación Barrié; e os/as docentes Rosa Mª Fernández Rodríguez, Celso Rodríguez Fernández, Mª Elena Vázquez Cendón, Alberto Cabada Fernández, Elena Vázquez Abal e Cibrán Manuel Arxibai Queiruga.
Explícoche Matemáticas
En 2016, ‘Explícoche Matemáticas 2.0’ alcanzou a súa quinta edición, dirixido a alumnado universitario e de últimos cursos de ESO e Bacharelato de toda Galicia que debían facer chegar as súas propostas de curtametraxes explicando en galego un concepto matemático.
O certame organizouno a Comisión de Normalización Lingüística da Facultade de Matemáticas en colaboración coa Fundación Barrié e o Servizo de Normalización Lingüística da USC co obxecto de promover a utilización do galego como medio de transmisión das Matemáticas.