O concurso USC-Tesouro premia aos que máis saben sobre os campus de Lugo e Santiago

Contestar correctamente a preto de 100 preguntas sobre a USC é o que fixeron os gañadores do concurso ‘USC-Tesouro’ do que se entregaron este mércores os premios. A convocatoria, dirixida ao alumnado matriculado en calquera nivel durante este curso, pretende achegarlles toda a riqueza histórica, cultural, científica e docente da institución académica. O vicerreitor de Estudantes, Cultura e Formación Continua, Francisco Durán; a secretaria da Facultade, Josefina Ling, e o catedrático de Astronomía e Astrofísica, José Ángel Docobo, organizador do concurso, entregaron os premios no Salón de Graos da Facultade de Matemáticas. Resultaron gañadores, no campus de Santiago, Aitana Iglesias Márquez, con 90 acertos; Lucía González Martínez, con outros 90 acertos, e Alan Luaces Mesías, con tamén 90 acertos. No campus de Lugo, Rocío Sampedro Guimarey acadou o primeiro posto con 87 acertos e Belén Sampedro Guimarey o segundo, con 84 acertos. Quedou deserto o terceiro premio xa que ningún outro concursante superou as 75 respostas correctas que marcaban as bases para conseguir o premio. Tendo en conta esta cuestión o xurado decidiu conceder accésit a Marcos Malbuena, Diego Troitiño e Pablo Ventoso, concursantes do campus de Santiago que superaron as 75 preguntas correctas. Os gañadores recibirán cheques regalo de establecementos da súa cidade no caso dos primeiros e segundos postos e un lote de libros editados pola USC, no caso dos terceiros e accésits. Os gañadores respostaron diferentes preguntas relacionadas coas facultades, servizos, actividades, historia e outras particularidades da USC. Os concursantes participaron na iniciativa a través de correo electrónico completando un formulario que propoñía seis alternativas como resposta para cada pregunta, sendo diferentes para o campus de Lugo e o de Santiago.