Conferencia do catedrático Carlos Acuña na Academia de Medicina e Cirurxía de Galicia
O catedrático da USC Carlos Acuña Castroviejo pronuncia unha conferencia este xoves 29 na sede da Real Academia de Medicina de Galicia (r/ Durán Loriga, 10. A Coruña) da que é académico numerario titular do ‘sillón’ de Fisioloxía. Presentará o acto, de asistencia libre, o xefe do Servizo de Psiquiatría do CHUS, Luís Ferrer i Balsebre.
A conferencia, a desenvolver a partir das 19:30 horas baixo o título ‘A mente e o cerebro á luz da evolución’, enmárcase no 200 aniversario do nacemento de Charles Darwin e dos 150 anos da publicación do seu libro A Orixe das especies por medio da selección natural.
Na súa intervención Acuña explicará como a evolución, desde a época do Pleistoceno hai uns dous millóns de anos, foi organizando o cerebro e as funcións mentais; que é o que lle debemos ao cerebro dos nosos antecesores da Idade de Pedra e que evidencia temos de que a evolución continúa e cal pode ser o efecto.