Ir o contido principal
STG

Conferencia do Nobel de Química en 2010 este xoves na Cidade da Cultura

Conferencia do Nobel de Química en 2010 este xoves na Cidade da Cultura
Conferencia do Nobel de Química en 2010 este xoves na Cidade da Cultura
Ei-ichi Negishi reuniuse no CIQUS con persoal investigador da USC

O Nobel de Química en 2010, o xaponés afincado en Estados Unidos Ei-ichi Negishi, pronuncia este xoves 26, ás 20.00 horas na Cidade da Cultura, unha conferencia pública titulada ‘Catálise para un mundo próspero e sostible’. O Nobel visita estes días Compostela, apadriñado polo profesor da USC Ricardo Riguera, para participar na sétima edición do Programa ConCiencia que coordina Jorge Mira. Este mesmo xoves Negishi, que foi recibido polo reitor no seu despacho de San Xerome, mantivo unha xuntanza científica de traballo con persoal da USC na que os investigadores Fermín Cambeiro, Julián Bergueiro, Jorge Otero, Alejandro Criado e Isaac Alonso tiveron a oportunidade de expoñerlle os seus estudos. Para asistir á conferencia, a Facultade de Química dispón para o seu alumnado un autobús que sairá ás 19.00 horas das inmediacións do propio centro (ao pé das escalinatas que baixan da Alameda cara Campus Vida, na confluencia da Avenida da Coruña coa de Compostela). Ademais, existe unha liña regular de autobuses ao Monte Gaiás. Negishi Ei-ichi Negishi (Xapón, 1935), da Universidade estadounidense de Purdue, acadou en 2010 o Nobel de Química por conseguir acoplamentos cruzados catalizados por paladio en síntese orgánica, o que permitiu o establecemento dunha nova arquitectura molecular, máis complexa, que mellorou moitos aspectos da vida, dende a agricultura á medicina. A maioría das moléculas que forman os sistemas vivos na Terra están compostas por cadeas de átomos de carbono dispostas en diferentes formas. Na busca de novos métodos para construír enlaces entre eses átomos Negishi, un dos químicos orgánicos máis extensivamente citados, descubriu novas reaccións usando paladio e outros metais como catalizadores (elementos que fan que unha reacción química sexa posible ou se realice máis rápido). Estas reaccións melloraron dun xeito asombroso tanto o potencial como a eficiencia da química orgánica sintética e contribuíron substancialmente a posibilitar a construción de moléculas máis complexas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 26.04.2012.