Un congreso internacional analiza na USC o papel das mulleres da realeza na Idade Media na Península Ibérica
A influencia das mulleres no devir histórico durante a Idade Media na península é o tema que se abordará no congreso internacional ‘Raíñas e Infantas nos Reinos Medievais Ibéricos’, que será inaugurado este mércores 21 ás 9.30 horas na Facultade de Filosofía de Santiago pola vicerreitora de Responsabilidade Social e Calidade, Benita Silva Hermo; a directora da Escola de Doutoramento Internacional da USC, Mª Isabel Rodríguez-Moldes; a responsable académica do encontro e secretaria do programa de doutoramento en Estudos Medievais, Marta Cendón; e os organizadores do encontro, Silvia Cernadas e Miguel García-Fernández. O congreso reunirá ata o venres 23 en Santiago a expertos internacionais que analizarán o papel de raíñas, infantas e outras mulleres das cortes dos reinos medievais na Península Ibérica durante os séculos V ao XV. Trala inauguración, desenvolverase a mesa de traballo que servirá como aproximación biográfica ás mulleres da realeza medieval na Península Ibérica e o seu protagonismo histórico no exercicio de poder, coa ponencia da Catedrática de Historia Medieval da Universidade de Valladolid, Mª Isabel Val Valdivieso sobre a sucesión das mulleres ao trono na Castela medieval. Durante toda a xornada desenvolveranse diferentes comunicacións que abordarán as figuras de Elvira Mendes, Mafalda Sánchez, a realeza do reino de Mallorca e no de Castela entre outros temas e se presentará o libro Isabel de Castilla: una psicobiografía de Carmen Alicia Morales Castro. As comunicacións retomaranse con Isabel de Aragón, María de Portugal, Violante de Bar, e Xoana e Inés de Castro como protagonistas da tarde. Ao longo dos seguintes días analizaranse a influencia e mediación das raíñas e infantas na construción da súa memoria, a participación feminina na cultura cortesana e a vida na corte, entre outros aspectos, a través de comunicacións, conferencias e presentación de libros.