Ir o contido principal
STG

O Congreso Internacional Small Cinemas arranca na USC para abordar os retos dos cinemas periféricos na época do streaming

Xosé Ramón Pousa Estévez, María José López Couso e Margarita Ledo Andión, no acto inaugural do XII Congreso Internacional Small Cinemas
Xosé Ramón Pousa Estévez, María José López Couso e Margarita Ledo Andión, no acto inaugural do XII Congreso Internacional Small Cinemas
Organizado polo Grupo de Estudos Audiovisuais, o encontro acolle participantes de máis de 20 universidades e institucións para tratar os desafíos dos cinemas pequenos en espazos como as plataformas de vídeo baixo demanda, o circuíto de festivais ou os arquivos

A Facultade de Ciencias da Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela acolle xoves e venres a duodécima edición do congreso Small Cinemas, que leva por título ‘Do celuloide ao streaming: conservación e circulación dos pequenos cinemas’.  Organizada polo Grupo de Estudos Audiovisuais e celebrada por primeira vez en Galicia, esta conferencia internacional reúne participantes de máis de 20 universidades e outras institucións para tratar cuestións como o impacto do streaming nos pequenos cinemas, o papel do circuíto de festivais no seu  posicionamento, a efectividade das políticas públicas para promovelos ou as posibilidades dos arquivos institucionais e comunitarios para conservar este cinema, con achegas que analizan casos de cinematografías como a galega, a polaca, a vasca ou a chilena, en moitos casos marcadas pola presenza de linguas minorizadas. O congreso conta co apoio da Deputación da Coruña, da Consellaría de Cultura, Educación e Universidade, e da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic).

No acto inaugural do congreso participaron a vicerreitora de Titulacións e Captación Internacional, María José López Couso, o decano da Facultade de Ciencias da Comunicación, Xosé Ramón Pousa Estévez e a coordinadora do Grupo de Estudos Audiovisuais, Margarita Ledo Andión. A investigadora e cineasta avanzou que o evento permitirá  afondar na “pervivencia e visibilidade destes cinemas, en como colocar as pequenas producións, moi frecuentemente con forte vocación artística e experimental, creadas con orzamentos limitados e con equipas pequenas, nun mapa cada vez máis competitivo”.  Ao presentar os obxectivos da edición, Ledo Andión puxo o foco na necesidade de que academia e institucións atendan “ese público potencial para os filmes en  linguas veladas, ese público sometido por largo tempo a modos de distribución espacial e a unha secuenciación temporal a partir do day and date que define a industria coa súa  aparición continuada de novos títulos con rápida obsolescencia”.

O programa: do pasado ao presente, do local ao global

A conferencia inaugural do xoves mirou cara ao traballo de Dinamarca coa súa memoria audiovisual a través da recuperación de filmes de mediados do século XX, e da man de Claire Thomson, experta en cinema danés e catedrática do University College de Londres. A sesión contou tamén coa réplica de Mette Hjort, catedrática da Hong Kong Baptist University e unha das figuras clave no campo dos pequenos cinemas.

O venres 29 comeza coa conferencia maxistral de Elena Neira, profesora da Universitat Oberta de Catalunya e destacada especialista nos novos modelos de distribución audiovisual, sobre os que ten publicado libros como Streaming Wars: la nueva televisión. O seu relatorio céntrase na procura de públicos para os filmes pequenos na era posterior á pandemia.

Os retos da difusión e a conservación

O Small Cinemas 2021 cubrirá moitos outros retos relativos á difusión e a conservación do cinema periférico. A maior parte do programa estará ocupada por paneis nos que se presentarán investigacións sobre cuestións como a accesibilidade do éuscaro nas plataformas de VOD, fenómenos como o Novo Cinema Galego e o New Galician Noir, os efectos da pandemia e o streaming na exhibición cinematográfica en América Central ou a relación entre o cinema uruguaio e as industrias audiovisuais europeas. A maiores destas achegas, participarán no congreso membros de proxectos como a rede de cinemas alternativos dos países árabes NAAS, Nitrato Argentino (que traballa na preservación de cine dos primeiros tempos), a iniciativa de recuperación da memoria do textil Històries del Punt ou o Proxecto Socheo, que busca localizar, estudar e difundir o patrimonio audiovisual da Guarda e o Baixo Miño.

Esta atención ao labor dos arquivos e o traballo co patrimonio audiovisual de nacións situadas fóra dos grandes circuítos internacionais da industria cultural complétase con outras dúas actividades. A primeira é unha mesa de debate que reunirá a Esteve Riambau (director da Filmoteca de Catalunya), Joxean Fernández (director da Filmoteca Vasca), Jaime Pena (programador da Filmoteca de Galicia) e Tiago Baptista (conservador da Cinemateca Portuguesa) para tratar o papel das filmotecas dos pequenos cinemas. A segunda é a proxección do filme galego Os días afogados, que traballa coas imaxes gravadas polos veciños de Aceredo e Buscalque (Ourense) das súas propias aldeas antes de ser anegadas pola construción do encoro de Lindoso. Os directores César Souto Vilanova e Luis Avilés Baquero pecharán o Small Cinemas 2021 participando nun coloquio arredor deste filme premiado cun Mestre Mateo ao Mellor Documental.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 28.10.2021.