O Consello de Goberno aproba o manifesto do equipo de goberno en relación á situación en territorio palestino
O Consello de Goberno da USC acordou apoiar o manifesto do equipo de goberno en relación á situación en territorio palestino e reafirma así a postura da USC, recollida na declaración institucional aprobada polo Claustro a finais do pasado ano 2023. O Consello adoptou esta decisión co consenso dos distintos colectivos universitarios que o compoñen e logo de escoitar distintas propostas, entre elas a da plataforma da asemblea por Palestina.
Por práctica unanimidade, o órgano colexiado acordou tamén constituír unha comisión de traballo para o desenvolvemento das accións contempladas na postura institucional da USC en relación a este tema e recollidas no mencionado manifesto. Neste senso, a USC insta o Estado de Israel a deter o xenocidio practicado contra o pobo palestino e declarar un alto o fogo inmediato e permanente ademais de denunciar a destrución das universidades e institucións educativas palestinas na franxa de Gaza e os ataques de calquera tipo contra as comunidades universitarias. Na mesma liña, comprométese a intensificar as relacións de colaboración coas universidades palestinas, a non manter ningún tipo de relación científica ou académica nin tampouco económica con universidades e institucións israelís que non asuman explicitamente os compromisos acordados na USC.
Tras a aprobación deste punto, o Consello de Goberno viu interrompida a súa celebración logo da irrupción de xeito violento -accedendo a través dunha ventá da planta baixa do Colexio de San Xerome- dun grupo de aproximadamente vinte persoas encarrapuchadas. Esta irrupción impediu a finalización do Consello de Goberno, órgano democrático do goberno universitario así como o normal desenvolvemento das actividades propias da Reitoría compostela. O persoal do edificio puido abandonar o edificio sen incidencias, así como os integrantes do Consello de Goberno. Actualmente, o edificio está ocupado de forma parcial por este mesmo grupo.