O Consello de Goberno aproba a proposta de incorporación de persoal investigador Ramón y Cajal
“Unha acción continua e decidida de captación de talento é imprescindible para continuar mantendo a excelencia dos centros de investigación e departamentos da USC, de xeito que poidan liderar novos proxectos de investigación e manter un nivel alto na docencia”. Baixo esta premisa, o Consello de Goberno aprobou este luns 19 en sesión extraordinaria a proposta de incorporación de preto dunha vintena de investigadores e investigadoras no marco da convocatoria 2021 do programa Ramón y Cajal (RyC).
Estas axudas teñen como finalidade promover a incorporación de persoal investigador, español ou estranxeiro, cunha traxectoria destacada, en centros de I+D españois, co fin de que adquiran as competencias e capacidades que lles permitan obter un posto de carácter estable nun organismo de investigación do Sistema Español de Ciencia, Tecnoloxía e de Innovación.
En virtude da proposta aprobada, a USC dá pulo á renovación do cadro de persoal mediante a creación de postos de traballo permanentes ao final do período de cinco anos do contrato RyC, no caso de ter superada a avaliación científico-técnica cos criterios requiridos para ser investigador/a e dentro do marco normativo de aplicación e en función das dispoñibilidades orzamentarias vixentes no seu momento.