Ir o contido principal
STG

O Consello de Goberno da USC aproba un novo Regulamento de profesorado e persoal investigador ad honorem

O xuntanza celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
O xuntanza celebrouse no Salón Nobre do Colexio de Fonseca. Foto: Santi Alvite
A figura concíbese para vincular coa universidade a persoas de probado prestixio, que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade profesional ou académica tanto dentro como fóra da USC
Lugo, Santiago de Compostela

A figura de profesorado ou persoal investigador ad honorem concíbese para vincular coa universidade a persoas de probado prestixio, que desenvolven ou desenvolveron a súa actividade profesional ou académica tanto dentro como fóra da USC. O que se pretende é que as persoas que ostenten este rol manteñan unha colaboración coa Universidade que redunde nun incremento do seu prestixio e proxección, tal e como recolle o novo Regulamento que este martes aprobou o Consello de Goberno da USC.

O texto contempla que a duración do nomeamento será de tres anos, prorrogables por dous máis. En calquera caso, a duración desta condición finalizará cando a persoa cumpra os 75 anos. Tras a aprobación en xullo dun novo Regulamento de profesorado emérito da USC, o Consello de Goberno aprobou este martes este novo texto de profesorado e persoal investigador ad honorem que actualiza a definición desta figura honorífica, establece os requisitos para acceder a ela e fixa un procedemento para o seu nomeamento.

Asociación DIH Datalife-Hub de Innovación Dixital Datalife
O Consello de Goberno tamén aprobou a participación da USC no DIH Datalife-Hub de Innovación Dixital Datalife. O Hub Datalife confórmase para actuar como unha rede conectada de coñecemento, infraestruturas ou tecnoloxía, entre outros, en cuxo núcleo sitúanse a Intelixencia Artificial (IA) e a analítica de datos, e que ten como ámbitos de aplicación a bioeconomía, a sustentabilidade e a saúde. Ás tecnoloxías nucleares do Hub engádeselles de xeito natural a Internet das cousas, a computación de altas prestacións e a ciberseguridade, as cales complementan ás anteriores no desenvolvemento de aplicacións tecnolóxicas, e que tamén forman parte do foco tecnolóxico do DIH. Xunto á USC, máis de sesenta entidades, entre empresas, asociacións e outros centros de coñecemento, integran esta asociación.

Outros temas
A proposta de incorporación de investigadores beneficiarios do programa Ramón y Cajal na súa convocatoria correspondente a 2018 é outra das cuestións tratadas polo Consello de Goberno. Asemade, aprobouse tamén a renovación de Proxectos de Investigación de Xestión Integrada, así como prazas de PDI coas súas correspondentes comisións de selección.

A modificación de memorias dos graos en Enxeñaría Informática e de Óptica e Optometría, así como dos mestrados en Procesos de Formación e Psicoxerontoloxía foron tamén cuestións tratadas neste Consello. A orde do día completouna a abordaxe do Réxime transitorio da Escola de Doutoramento Internacional, a nova denominación da cátedra Simón Bolívar, que pasa a chamarse Cátedra Iberoamericana, así como o Regulamento de réxime interno do Instituto de Biodiversidade Agraria e Desenvolvemento Rural.

Finalmente, no capítulo de convenios, o órgano colexiado aprobou a sinatura dun convenio de colaboración coa Consellaría de Educación, Universidade e Formación Profesional para a organización e desenvolvemento das actividades do II Cumio Académico e do Coñecemento Celac-UE (Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños – Unión Europea), entre outros.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.05.2023.