Os Consellos Sociais de USC e UDC lanzan a cuarta edición de AddVenture, coa IA como ferramenta esencial para persoas emprendedoras
AddVenture abre o prazo de inscrición para a súa cuarta edición, un programa universitario de emprendemento e innovación baseado en formación práctica e mentoría aplicada para aquelas persoas que queiran dar un impulso real á súa idea de negocio ou ao seu proxecto emprendedor. A iniciativa está impulsada polos Consellos Sociais das Universidades de Santiago e A Coruña, coa colaboración de TeamLabs, laboratorio de aprendizaxe en emprendemento da Mondragon Unibertsitatea.
O programa está deseñado para acompañar persoas emprendedoras no desenvolvemento real dos seus proxectos a través dun curso práctico e de aplicación directa no seu propio proxecto, empregando a metodoloxía do grao oficial universitario LEINN -Liderado Emprendedor e Innovación-, que se realiza en TeamLabs/, e o enfoque learning by doing. Combina formación, mentoría e networking para que as persoas participantes poidan avanzar na súa proposta de negocio ou transformala, mellorar a súa estratexia e desenvolver o seu proxecto a través de competencias en dixitalización, vendas e liderado.
Este programa de emprendemento e innovación é gratuíto, financiado e certificado polos Consellos Sociais convocantes. Ten unha duración de tres meses e 265 horas de formación en sesións en liña e encontros presenciais puntuais para favorecer a aprendizaxe práctica e a interacción con persoas expertas. As inscricións están abertas ata o 15 de abril en Inscríbete – AddVenture.
Converte a túa idea nun negocio sostible
AddVenture diríxese a persoas emprendedoras (persoas graduadas e posgraduadas universitarias, profesionais, persoas autónomas, microempresas e persoal investigador de universidades galegas e do resto de España) que queren impulsar unha idea ou un proxecto cun enfoque práctico, acompañado e orientado á execución.
Nesta edición priorizaranse proxectos vinculados aos seguintes ámbitos de coñecemento: Enxeñaría, Arquitectura e Tecnoloxías Dixitais; Saúde, Benestar e Envellecemento Activo; Sostibilidade e Economía Circular; Turismo Intelixente, Patrimonio e Economía Cultural; Humanidades Dixitais e Innovación Social; e Emprendemento Científico e Transferencia de coñecemento, orientado a transformar resultados de investigación en solucións de valor económico e social.
Novidades 2026: Tech, Masterclass e reforzo financeiro
AddVenture incorpora nesta cuarta edición un enfoque tecnolóxico transversal reforzado por un ciclo de masterclass tech aplicadas, orientadas a conectar emprendemento, tecnoloxía e contexto actual. Entre as temáticas previstas inclúense o emprendemento con impacto, o uso da IA na investigación con persoas usuarias e a identificación de sesgos en sistemas de IA.
No eido económico-financeiro, AddVenture 2026 inclúe un novo módulo de Finanzas Avanzadas e proxeccións económicas para afondar na construción de escenarios e métricas no desenvolvemento dos proxectos emprendedores.
Obradoiro práctico para crear unha demo/prototipo con IA sen programadores
Como acción formativa previa e destacada, incorpora un obradoiro presencial orientado á creación de demos/prototipos de ideas ou proxectos de emprendemento con IA empregando linguaxe natural, sen depender dun equipo técnico nas fases iniciais, algo que pode axudar a reducir custos de desenvolvemento ao comezo do proxecto. Todo isto mediante diferentes ferramentas, ademais de contidos de prompting, automatización e boas prácticas de seguridade.
O obradoiro celebrarase no Centro de Investigación en TIC da UDC (CITIC), contará cun máximo de 45 prazas e será impartido polos expertos Daniel Alías e Álvaro Sánchez.
Formación con TeamLabs/, referente en emprendemento
O claustro de profesorado estará integrado maioritariamente por docentes e persoas expertas vinculadas a TeamLabs/, laboratorio referente pola súa metodoloxía de aprendizaxe baseada no emprendemento en equipo e no learning by doing. A metodoloxía que aplica no grao oficial universitario LEINN, cuxa orixe se atopa na unidade Team Academy de Finlandia, céntrase na aprendizaxe práctica a través da creación de empresas e proxectos reais, o traballo en equipo e o desenvolvemento de habilidades e competencias.
Desde o seu lanzamento, AddVenture formou a máis de 75 persoas emprendedoras e impulsou máis de 30 proxectos. Con esta cuarta edición, continúa consolidándose como unha referencia na formación para persoas emprendedoras en Galicia.