Ir o contido principal
STG

O consorcio internacional CAR T-REX reúnese no CiQUS para compartir avances contra o cancro de tumores sólidos

A primeira Asemblea Xeral de CAR T-REX desenvolveuse no CiQUS
A primeira Asemblea Xeral de CAR T-REX desenvolveuse no CiQUS
O proxecto no que participa o centro da USC busca xerar células CAR T melloradas para combater o cancro combinando entrega de material xénico e edición xenética de precisión en células T

Explorar un novo paradigma para xerar células CAR T melloradas, combinando un sistema de entrega de material xénico con edición xenética de precisión nas células T é o obxectivo do proxecto CAR T-REX do consorcio internacional 'CAR T Cells Rewired to Prevent EXhaustion in the Tumour Microenvironment' do que forma parte o Centro Singular de Investigación en Química Biolóxica e Materiais Moleculares (CiQUS) da USC. Estes días reuniuse en Santiago a primeira Asemblea Xeral do consorcio, que permitiu compartir entre especialistas en terapias celulares e xénicas os avances, as innovacións técnicas e unha visión ambiciosa para mellorar a eficacia e a seguridade das terapias con células CAR T dirixidas a tumores sólidos.

CAR T-REX é un proxecto do Consello Europeo de Innovación (EIC) que comezou en xuño de 2023 e ten unha duración de catro anos. A estratexia do consorcio busca vencer os mecanismos do microambiente tumoral inmunosupresor que desconecta a resposta inmunitaria deste tipo de células, ampliando potencialmente a utilidade e seguridade das actuais tecnoloxías CAR T. "Preténdese eliminar o esgotamento de forma controlada só cando as células CAR T se atopen no microcontorno tumoral, e deixar que volva á normalidade cando o tumor está ausente” detalla a doutora Marisa Juanes, investigadora do equipo de TraffikGene que lidera o profesor Javier Montenegro no CiQUS, e subliña que “este proxecto tenta desenvolver novas células CAR T cuxa activación non se deteña mentres se atopen no microambiente do tumor”.

 A versatilidade que ofrece a tecnoloxía de TraffikGene permitirá identificar os vehículos peptídicos óptimos para poder realizar a entrega do ARN: “A entrega simultánea de diferentes ácidos nucleicos no interior das células T de maneira eficiente e pouco tóxica supón un reto significativo. É aquí onde a plataforma que desenvolvemos en TraffikGene pode achegar valor ás tecnoloxías de edición xenética desenvolvidas polos nosos colaboradores para lograr este ambicioso obxectivo” explica Marisa Juanes. “Este proxecto permitiranos aumentar a versatilidade da tecnoloxía de entrega de ácidos nucleicos de TraffikGene, o que validaría a súa aplicación nun novo contexto terapéutico” comenta o investigador Alberto Fortes.

O consorcio CAR T-REX reúne un grupo multidisciplinar de expertos e empresas con recoñecida traxectoria internacional. A primeira Asemblea Xeral celebrada no CiQUS incluíu unha visita a Galaria para coñecer as instalacións do Centro de Produción de Terapias Avanzadas de Galicia e reforzar a colaboración nos desafíos que enfronta o campo das terapias celulares e xénicas. Durante o encontro, as persoas participantes tamén trataron temas relacionados co potencial innovador do proxecto CAR T-REX, incluíndo a participación na sesión EIC Tech to Market, que abarca programas de emprendemento e construción de empresas.

Rui A. Sousa, CEO de Stemmatters e coordinador, explica que a Asemblea Xeral do proxecto CAR T-REX "facilitou importantes discusións científicas para maximizar o impacto do consorcio na loita contra o tratamento de tumores sólidos. Na próxima fase do proxecto traballaremos xuntos para integrar a tecnoloxía e a experiencia de todo o consorcio para desenvolver unha nova terapia con células CAR T".

O equipo promotor de TraffikGene na USC e o investigador principal do CiQUS Javier Montenegro exerceron de anfitrións. Marisa Juanes sinala que "recibir o consorcio CAR T-REX no CiQUS foi excepcional. O encontro non só resaltou o espírito colaborativo entre os membros, senón que tamén nos permitiu ter interesantes discusións científicas para futuros avances innovadores na área das terapias con células CAR T”. Pola súa banda, Alberto Fortes destaca que “a sinerxía alcanzada entre todos os participantes resultou inspiradora, estamos orgullosos de contribuír a este proxecto fundamental que aspira a avanzar no tratamento do cancro”. Á reunión deste proxecto, que reúne entidades de Europa e Asia, acudiron representantes de Stemmatters, TargetGene Biotechnologies, Universidade de Debrecen e Leibniz-Institut für Immuntherapie.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.06.2024.