Ir o contido principal
STG

O Consorcio e a Universidade de Santiago poñen en marcha unha nova edición do programa 'ConCiencia 2007'

Senén Barro e Xosé Sánchez Bugallo asinaron o convenio en presenza do xerente do Consorcio Xosé Manuel Villanueva
Senén Barro e Xosé Sánchez Bugallo asinaron o convenio en presenza do xerente do Consorcio Xosé Manuel Villanueva

O Consorcio da cidade de Santiago subvencionará con 70.000 euros á USC para a realización dunha nova edición do Programa ‘ConCiencia’ de divulgación científica, segundo o convenio asinado este martes entre o reitor da Universidade de Santiago, Senén Barro Ameneiro, e o presidente do Consorcio, Xosé S. Bugallo.
Esta nova edición transcorrerá entre os meses de outubro e novembro de 2007 coa participación de figuras do máximo nivel científico, ademais de convocarse por vez primeira o ‘Premio Fonseca’ de divulgación científica cuxas deliberacións finais e ditame terán lugar ao longo do ano 2008.
O programa ConCienciaO programa de divulgación científica ‘ConCiencia’, que coordina o profesor de Física da USC, Jorge Mira Pérez, foi unha iniciativa que, con grande éxito, se desenvolveu durante todo o 2006 en Santiago e que trouxo á cidade aos máis destacados científicos do mundo en diversas disciplinas. A presenza na capital de Galicia das máis eminentes personalidades da Física, a Química, as Matemáticas e a Medicina favoreceu os vínculos xa existentes co cadro de investigadores da Universidade.
Os científicos que protagonizaron a primeira edición foron Heinrich Rohrer, Premio Nobel de Física en 1986, cunha conferencia na Facultade de Química sobre o desenvolvemento da nanotecnoloxía; Torsten N. Wiesel, Premio Nobel de Medicina e Fisioloxía en 1981, que interveu sobre Santiago Ramón y Cajal, aproveitando o centenario do Premio Nobel e neurólogo español; Richard R. Ernst, Premio Nobel de Química en 1991, que falou da responsabilidade dos científicos no mundo actual; e Sir Michael F. Atiyah, merecedor da Medalla Fields, o máis prestixioso premio no ámbito da Matemática, cunha conferencia pronunciada na Facultade de Matemáticas baixo o epígrafe de ‘As matemáticas: invención ou descubrimento’.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 19.06.2007.