Ir o contido principal
STG

Os contacontos Marta Ortiz e Brais Gutiérrez recrearán na Residencia Monte da Condesa 'A hora azul'

Voces suxerentes que estimulen a imaxinación e sons de instrumentos inimaxinables son as ferramentas das que se valerán os contacontos Marta Ortiz e Brais Gutiérrez para a posta en escena do seu espectáculo ‘A hora azul’, o vindeiro domingo, día 20, ás 22:00 horas na Sala do Piano da Residencia Universitaria Monte da Condesa. Trátase dun espectáculo incluído no programa ‘As noites musicais da Condesa’ dentro da Quincena das Artes desta residencia universitaria.
Historias da máxica Arxelia, de Galicia, da Andalucía que emigrou a Cataluña, de calquera parte do mundo e de todas á vez, conforman o programa destes dous contacontos que recuperan o gusto máis tradicional do seu oficio sen alardes escénicos nin artificiosos. No espectáculo as voces e a música toman protagonismo como personaxes das obras narradas, unha veces a carón dunha guitarra portuguesa, do acordeón ou dunha frauta e outras con enxeñosos instrumentos de refugallo.
‘A hora azul’ rematará cunha creación colectiva dun conto no que, a partir de tres palabras propostas polo público, se mostre unha historia nova.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 18.05.2007.