Continúa o ciclo de cinema África, francofonía e outras linguas co filme marroquí 'Le grand voyage'

O filme marroquí ‘Le grand voyage’ (Ismaël Ferroukhi, Marrocos, 2004, 108 min) proxectarase este martes 10 de marzo dentro do ciclo de cinema francófono África, francofonía e outras linguas, organizado pola sección de francés do Centro de Linguas Modernas (CLM) e que se desenvolverá ao longo de todo o mes no salón de actos da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo.
Este segundo filme, que se proxectará ás 19:45 horas, é unha road-movie, premiada en varios festivais, que narra a historia de Réda, un mozo duns vinte anos que vive na Provenza coa súa familia e que, pouco tempo antes dos seus exames finais de bacharelato, vese obrigado a levar en coche á Meca ao seu pai. Dende o inicio, a viaxe anúnciase difícil.
O CLM destaca como obxectivo fundamental deste ciclo o reflexo do francés como un idioma que convive a diario coas outras linguas africanas. De feito, nas longametraxes seleccionadas, non aparece exclusivamente o francés como lingua para comunicarse, senón que figura integrado co uso cotiá das linguas propias das distintas zonas de África nas que se desenvolven as historias. No caso de ‘Le grand voyage’, a trama desenvólvese en idioma francés e en árabe.
O ciclo inclúe filmes de diferentes temáticas dentro do continente, sempre cunha visión de protesta. Nesta coprodución franco-marroquí, a realidade da francofonía do magreb abórdase desde a emigración en Francia. Desde Marsella hasta Turquía, Réda mantén a posición de forza. Fala francés e chapurrea un pouco de inglés. O seu pai, dependente, sígueo. A relación invértese ao achegarse a Damas. O pai fala árabe e xa non necesita ao seu fillo.
Ademais da importancia lingüística dos filmes, o CLM procurou para este ciclo de cinema francófono producións actuais e nas que destaca sobre todo a denuncia social e política.