Ir o contido principal
STG

Continúa en Lugo o VII Curso de Primavera ‘Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’

Orientar o coñecemento sobre a cidade de Lugo e sobre o concepto de cidade dende múltiples campos do saber. Diso trata o Curso de Primavera que nesta sétima edición leva por título ‘ Sub Urbem: historia, sociedade e cultura da cidade’, unha iniciativa agora promovida por Lugo Cultural e organizada dende a USC. Agás a sesión no Xoves de Moda, que se desenvolverá na Casa do Saber, o curso transcorre na Facultade de Humanidades ata o venres. Na xornada matinal deste mércores analizáronse a cidade de Brasília e o sistema urbano de Galicia a principios do século XXI. Xa pola tarde, Xaquín Rodríguez Campos falará da rexeneración da vida urbana na cidade posmoderna. Rematará cunha conferencia a cargo de Carlos Folgar Fariña titulada ‘Toledo, cidade produtora e receptora de cultura: notas sobre “La Fazienda de Ultramar”, texto en prosa castelá do século XIII’. Programa de xoves e venres Unha mirada aos escribáns lugueses dos séculos XVI ao XVIII, os poderes municipais e as elites cidadás na época borbónica, a arquitectura da II República e da ditadura en Lugo e o consumo urbano de alimentos no Renacemento serán os temas a tratar na xornada deste xoves 5, que se trasladará ás 20:30 horas á Casa do Saber para asistir a un encontro co director de cine Jorge Coira enmarcado nos Xoves de Moda. O curso rematará o venres con conferencias de Isabel Beceiro Pita sobre a cidade como foco de ensinanza e aprendizaxe para a actividade na vida adulta (s. XIII-inicios del s. XVI) e de Carlos Baliñas Pérez titulada ‘Sobrevivir en tempos revoltos: as cidades na Galicia altomedieval’. A clausura terá lugar ás 12:45 horas. O curso

Dende os seus inicios o curso tratou diversas cuestións como o IV Centenario da publicación de “ Don Quijote de la Mancha” e a obra de Cervantes, o diálogo intercultural en Occidente ou o legado de Roma e Italia en Galicia. O encontro estrutúrase arredor de conferencias con poñentes procedentes non só da propia Facultade ou da USC senón doutras universidades europeas e americanas que posteriormente son publicadas en forma de volume, para dar constancia das intervencións efectuadas e asegurar a súa preservación e difusión.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2011.