Ir o contido principal
STG

De conversa cun premio Nobel

De conversa cun premio Nobel
De conversa cun premio Nobel
Richard Schrock reúnese este venres 17 na USC con estudantes de bacharelato de toda Galicia

A Universidade de Santiago recibe este venres 17 de xullo a visita do Premio Nobel en Química Richard R. Schrock (1945, USA), que actualmente desenvolve a súa labor investigadora no Massachusets Institute of Technology (MIT, USA), un dos centros universitarios de maior prestixio internacional. A xornada, que durará toda a mañá, comezará ás 9.30 horas cun acto no CiQUS no que numerosos estudantes de Bacharelato procedentes de distintos centros de Galicia poderán coñecer en persoa a este laureado científico, tendo a oportunidade de consultar con el as súas dúbidas e curiosidades sobre o mundo da investigación. Esta reunión rematará cunha sesión de café no propio CiQUS na que os mozos e mozas poderán continuar a súa conversa co profesor Schrock nunha contorna distendida. A continuación, o premio Nobel trasladarase á Aula Magna da Facultade de Química da USC para impartir ás 12.00 horas unha conferencia na que falará sobre o descubrimento, desenvolvemento e aplicacións dos catalizadores de metátese que o levaron á consecución do premio Nobel. Richard Schrock O Profesor Richard Schrock recibiu o premio da Academia Sueca no ano 2005 polo seu traballo no desenvolvemento do método da metátese na síntese orgánica, que basicamente permite «cambiar átomos de lugares». Para ilustrar este mecanismo de intercambio atómico orientado á composición de novas moléculas, a miúdo emprégase a metáfora dun baile de parellas, no que as persoas que o integran poden mudar de compañeiro en calquera momento. O descubrimento do profesor Schrock proporcionou así un novo xeito de unir fragmentos moleculares; un avance que permite obter máis rapidamente e de maniera menos contaminante produtos sintéticos como perfumes, plásticos, fibras, ou, moi especialmente, fármacos. A concesión do premio Nobel –compartido cos investigadores Yves Chauvin e Robert H. Grubbs- foi un recoñecemento a este relevante achado, que abre a porta á construción de calquera tipo de moléculas (mesmo máis aló das existentes na propia natureza), sen máis límite que a propia imaxinación.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.07.2015.