Ir o contido principal
STG

O Coro da Universidade actúa na Igrexa Universitaria co acompañamento da Capela Compostelana e cantantes solistas

Nun concerto dedicado ao 150 aniversario da Facultade de Farmacia

O Coro da Universidade de Santiago, baixo a dirección de Miro Moreira, co acompañamento da Capela Compostelana e cantantes solistas, ofrecerá o concerto ‘Nacións Barrocas’ este mércores, día 30, ás 21:00 horas na Igrexa da Universidade. O recital, de entrada libre ata completar o aforo, está especialmente dedicado ao 150 aniversario da Facultade de Farmacia.
No concerto, organizado pola Vicerreitoría de Cultura da USC, interpretarán obras de Monteverdi, Buxtehude, Vaquedano, ‘Les Nations’ de Couperin e a ‘Oda a Santa Cecilia’ de Purcell.
O Coro da USCO Coro da Universidade de Santiago de Compostela, creado en 1979 e adscrito á Vicerreitoría de Cultura, está concibido como un proxecto pedagóxico de formación coral. Nos últimos anos desenvolve ademais unha importante actividade de difusión da música antiga. Como importante aspecto do seu labor divulgativo destaca a recuperación de pezas de mestres de capela das catedrais galegas, como Melchor López ou Diego de Muelas.
Dende os seus primeiros anos compaxina o repertorio a capella coa interpretación de grandes pezas clásicas da literatura musical como Dido e Eneas de Purcell, A pequena misa solemne de Rossini, o Mesías de Händel, o Pequeno libro de órgano de J. S. Bach, Responsorios de tebras de Victoria, Stabat mater de Haydn, Ceremony of carols de Britten, Magnificat de Vivaldi, entre outras. Interveu en diversas ocasións nos festivais de ópera da Coruña.
Miro MoreiraMiro Moreira naceu en Santiago de Compostela, onde iniciou os seus estudos musicais como escolano na Capela Musical da Catedral e no Orfeón ‘Terra a Nosa’. Centrou a súa especialización como cantante e director dos períodos do renacemento e barroco. Como contratenor solista participou en numerosos concertos por España e Europa formando parte de grupos dedicados á música antiga. Actualmente é profesor asociado de Canto Coral e Formación Vocal e Auditiva na Facultade de Ciencias da Educación e director do Coro Universitario de Santiago de Compostela.
Capela CompostelanaCapela Compostelana, creada en 1988, dedica unha parte importante do seu traballo á recuperación e difusión da música española renacentista e barroca. Neste terreo editou os discos José de Vaquedano, mestre de capela da Catedral de Santiago de Compostela (Ed. Edigal) e Panxoliñas a Santiago (Ed. Fonti Musicali), con obras inéditas dos arquivos da Catedral de Santiago de Compostela. Actualmente prepara próximas gravacións con música española deste período.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 29.05.2007.