Ir o contido principal
STG

A COVID-19 reforza o atractivo da Escola de Enfermaría de Lugo para o alumnado foráneo

Participantes nas xornadas de enfermaría celebradas no Hula en 2019
Participantes nas xornadas de enfermaría celebradas no Hula en 2019
A metade do estudantado de nova matrícula no centro universitario lugués procede de fóra de Galicia, na súa maioría das rexións cantábricas, pero tamén de Andalucía, Madrid, Estremadura e, entre outras, Canarias
Lugo

A situación de alarma sanitaria provocada pola COVID-19 semella ter reforzado o atractivo da Escola Universitaria de Enfermaría do Campus de Lugo como centro de formación dos futuros profesionais do ámbito sanitario. As estatísticas de matrícula apuntan neste senso, xa que a metade dos máis de 70 estudantes de primeiro curso proceden de fóra de Galicia.

O alumnado chegado das rexións da cornixa cantábrica, sobre todo de Asturias, pero tamén de Cantabria e do País Vasco, constitúen o grupo máis numeroso entre o estudantado de nova matrícula na Escola Universitaria de Enfermería de Lugo, centro no que este curso tamén se inscribiron mozas e mozos chegados de Castela León, Barcelona, Madrid, Andalucía, Estremadura e Canarias.

A presenza de alumnado da provincia de Lugo no primeiro curso do grao en Enfermería é significativa, aínda que non representa un terzo do total, segundo sinala a directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Mª Asunción Núñez Magdalena. Esta docente subliña que o centro lugués sempre recibiu un importante fluxo de estudantes das distintas provincias galegas e tamén de Asturias, aínda que recoñece que “a matrícula rexistrada chama a atención”.

A sorpresa aínda é maior, engade Núñez Magdalena, logo de que o equipo de dirección do centro acordara non admitir no curso 2020-21 a inscrición de alumnado internacional ou de estudantes chegados doutras universidades españolas a través de programas de mobilidade, tales como Sicue. “Todos os anos recibíamos algún estudante iberoamericano e tamén doutras provincias españolas a través destes intercambios, pero como na maioría dos casos este alumnado está interesado en facer prácticas hospitalarias e este curso, por mor da situación excepcional causada pola pandemia, non estamos en condicións de garantilas, optamos por suspender temporalmente estas canles de acceso”, explica.

Alén da satisfacción propiciada pola crecente proxección exterior da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo, Núñez Magdalena sinala que parte do talento exterior que capta o centro non só completa o seu período de formación na sede universitaria luguesa, senón que continúa logo a desenvolver a súa actividade profesional nos centros sanitarios da provincia. Aínda así, cómpre dicir que son moitos os estudantes que optan por retornar aos seus lugares de orixe para iniciar a súa actividade laboral. A incorporación de enfermeiros e enfermeiras de fóra é positiva e necesaria, sobre todo nunha conxuntura, na que as áreas sanitarias da provincia de Lugo precisan máis profesionais de Enfermaría para poder atender as necesidades existentes.

Dimensión de xénero

A enfermaría é unha profesión tradicionalmente feminina e esta tendencia continúa a advertirse tanto nos hospitais e demais de centros sanitarios como nas propias aulas universitarias. A directora da Escola Universitaria de Enfermaría de Lugo comenta neste senso que o alumnado feminino representa todos os cursos máis do 90% do total.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.10.2020.