Ir o contido principal
STG

O CulturaLab abre o seu ciclo de conversas cunha reflexión sobre a “ética e a maior eficiencia” das formas de traballo horizontal

Beka Iglesias, durante a conversa mantida no Museo Provincial
Beka Iglesias, durante a conversa mantida no Museo Provincial
As sesións abertas deste espazo experimental creado no marco do máster en Servizos Culturais continuarán o mércores 11 no Museo Provincial de Lugo con Lucía Castro

A artista multimedia Beka Iglesias defende que as fórmulas de “traballo horizontais son máis xustas e máis eficiente”, polo que demanda “habilitar mecanismos ou dinámicas que permitan traballar de forma colaborativa” coa pretensión de afondar na propia rendibilidade e eficiencia do traballo, pero tamén e, por riba de todo, na súa ética.

Iglesias lanzou esta mensaxe no Museo Provincial de Lugo, na sesión de apertura do ciclo de conversas do CulturaLab do máster en Servizos Culturais da USC. Este novo espazo experimental xurdido na USC e que conta co apoio da propia Universidade de Santiago de Compostela, así como da Área de Cultura e Deporte da Deputación de Lugo, busca reivindicar a conversa como mecanismo e ferramenta de aprendizaxe a través, precisamente de sesións abertas ao público. Na conversa mantida por Beka Iglesias con outras 20 persoas asistiron á xornada celebrada no Museo Provincial de Lugo, esta educadora independente abordou cuestións relacionadas coas potencialidades das tecnoloxías libres e tamén sobre as oportunidades que xeran este novo tipo de ferramentas. Iglesias fixo un percorrido a carón da capacidade que teñen as comunidades para desenvolver proxectos ou traballos orientados a conseguir un ben ou obxectivo común. Así, lembrou como estes grupos de persoas son quen de facer múltiples e diferentes propostas, tales como poden ser programas como GIMP, Libre Office, Mozilla ou, outros proxectos comúns, como Artropocode, que ela mesma coordina. A conversa transitou entre conceptos como o prototipado, o experimental, o vivencial, a participación e a inclusión e de como é necesario que centros de produción de coñecementos, como o son os museos, as universidades, as bibliotecas ou, entre outros, as escolas, deben esforzarse en converterse en lugares de produción en troques de ser espazos de exhibición. A aposta, engadiu, “ pasa por ampliar os códigos e facilitar a apertura para producir de forma común”. Para Beka Iglesias, “o feito de traballar horizontalmente non so o fai que a actividade sexa máis xusta, senón tamén mellor. Daquela, insiste na necesidade de abrir novas vías que posibiliten traballar de forma colaborativa. Programación do ciclo de conversas O ciclo de conversas iniciado no CulturaLab do máster en Servizos Culturais da Facultade de Humanidades da USC terá continuidade ao longo dos mércores deste mes de febreiro. A próxima sesión será tamén no Museo Provincial de Lugo o día 11, a partir das 19.00 horas. A persoa convidada nesta sesión será Lucía Castro, quen guiará unha conversa sobre como os hortos urbanos ou as cooperativas integrais constitúen unha oportunidade para fomentar a participación cidadá. Pódese obter máis información ao respecto a través da web http://culturalab.tumblr.com/.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 05.02.2015.