Ir o contido principal
STG

O cumio UE-CELAC definirá a estratexia de cooperación euro-latinoamericana e caribeña no eido da educación superior

De esquerda a dereita, Félix García Lausín, Antonio López Díaz, Stefania Giannini, Alfonso Rueda, Xosé A. Sánchez Bugallo, Román Rodríguez e Adrián Bonilla Soria. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, Félix García Lausín, Antonio López Díaz, Stefania Giannini, Alfonso Rueda, Xosé A. Sánchez Bugallo, Román Rodríguez e Adrián Bonilla Soria. FOTO: Santi Alvite
As propostas que xurdan neste foro, que a USC coordina como institución anfitrioa, poderían ser claves na axenda política internacional no segundo semestre do ano cando España asuma a presidencia de quenda da UE
Santiago de Compostela

O cumio académico e do coñecemento UE-CELAC traballa dende este xoves 4 na construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación que marcará a axenda internacional dos vindeiros meses. Este foro busca “continuar o fío aberto” na primeira edición do cumio celebrada no Salvador en 2017, tal e como explicou o reitor da USC e presidente do comité organizador, Antonio López, no acto inaugural que se desenvolveu na Cidade da Cultura. O reitor puxo o foco no feito de que España asumirá no segundo semestre deste ano a presidencia de quenda da UE, circunstancia que lle outorga “un gran impulso ás ideas que aquí poidan xurdir”, afirmou en relación á posibilidade de que as propostas acordadas no cumio sexan tomadas en consideración nunha posible estratexia de cooperación a curto e medio prazo entre os dous continentes.

Félix García Lausín, director coordinador do Espazo Iberoamericano do Coñecemento, afondou na necesidade de dar “institucionalidade a este tipo de mecanismos”, dixo en relación ao cumio.  García Lausín, en representación da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB), subliñou que é preciso “manter e reforzar este espazo de diálogo no eido da ciencia, coñecemento e educación superior”. Nesta mesma liña, Adrián Bonilla Soria, director executivo da Fundación EU-LAC, definiu o cumio como “medida saudable e vigorosa”. O alcalde de Santiago Xosé A. Sánchez Bugallo vinculou, pola súa parte, a pertinencia do cumio co feito de que “estamos asistindo a un proceso de cambio imparable con transformacións sociais e políticas que traen consecuencias non sempre positivas”, dixo co gallo da posibilidade de que aparezan, por exemplo, brechas dixitais en “sectores con dificultades para adaptarse ao cambio”.

Antes de impartir o relatorio inaugural do cumio, Stefania Giannini, subdirectora xeral de Educación da UNESCO, lembrou que Galicia é “terra de grandes pensadoras como Emilia Pardo Bazán, Rosalía de Castro e Concepción Arenal, as cales moveron os límites a favor das mulleres”. Giannini  destacou que a UNESCO segue traballando a prol dun mundo “máis xusto a través da educación”. A continuación, Ralph Gonsalves, primeiro ministro de San Vicente y las Granadinas e presidente da Comunidade de Estados Latinoamericanos e Caribeños (CELAC) deu a benvida a todas as persoas participantes a través dun vídeo gravado expresamente para a inauguración do cumio. O presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, acompañado polo conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, pechou a sesión de apertura lembrado os 500 anos de “relacións moi frutíferas” entre os dous continentes. O presidente subliñou que a Xunta sempre apoiará os espazos de “cooperación, fraternidade e construción”.

Alianzas

O obxectivo principal deste foro, que se estenderá ata o venres 5, consiste en impulsar a construción dun espazo común euro-latinoamericano e caribeño de educación superior, ciencia, tecnoloxía e innovación, a través da xeración de coñecemento, o deseño de liñas comúns de acción, o establecemento de alianzas e de capacidades de promoción estables, a integración e a cooperación estratéxica, todo isto nun contexto de transformación da educación superior, contribuíndo así ao desenvolvemento do Plan de Acción UE-CELAC acordado polo Cume de Xefes de Estado e de Goberno desenvolvido en Bruxelas en 2015.

A xuntanza servirá para deseñar estratexias e instrumentos que promovan a creación dese espazo común; incidir na formulación de políticas públicas, plans e programas nacionais a través da creación de espazos de discusión, da elaboración de propostas con base científica e da vinculación da academia coa contorna; e para orientar a acción académica e a xeración do coñecemento cara á consecución dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible e a Axenda 2030.

O cumio estrutúrase en relatorios maxistrais e mesas redondas, organizadas en sesións plenarias e sesións temáticas paralelas que virarán ao redor de tres eixos temáticos: a transformación dixital da educación superior con especial atención ao estado actual, retos e oportunidades; coñecemento para o desenvolvemento e a sustentabilidade no eido da ciencia, tecnoloxía e innovación; e a cooperación académica para a construción do Espazo de Educación Superior euro-latinoamericano e caribeño dende a internacionalización solidaria.

O foro está organizado polas tres universidades públicas galegas (USC, UDC e UVigo), a Xunta de Galicia, a Secretaría Xeral Iberoamericana, o Consello Universitario UE-CELAC, o Consello Superior Universitario Centroamericano, a Universidade do Salvador, a Unión de Universidades de América Latina e o Caribe, a Asociación de Universidades Grupo Montevideo, o Comité Executivo do Espazo Latinoamericano e Caribeño de Educación Superior, a Asociación Europea de Universidades, a Fundación EULAC, as Universidades do Caribe, a CRUE e o Consello de Reitores das Universidades Portuguesas.

Consorcios

A coordinación deste foro por parte da USC atópase en consonancia con outras accións estratéxicas desenvolvidas pola institución compostelá en materia de relacións internacionais como a adhesión á alianza EUniWell, a Universidade Europea do Benestar, que co apoio da Comisión Europea persegue comprender, mellorar, medir e reequilibrar o benestar das persoas, as comunidades e a sociedade no seu conxunto en base a valores democráticos, inclusivos e de diversidade.

Foto de familia coas persoas participantes no cumio. FOTO: Santi Alvite
Foto de familia coas persoas participantes no cumio. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.07.2023.