Ir o contido principal
STG

O curso Akademia Project busca estudantes de últimos cursos interesados no emprendemento e a innovación

O curso Akademia Project busca estudantes de últimos cursos interesados no emprendemento e a innovación
O curso Akademia Project busca estudantes de últimos cursos interesados no emprendemento e a innovación
Esta é unha iniciativa que aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor

A USC e a Fundación Innovación Bankinter promoven a sétima edición de Akademia Project, un curso que busca estimular a actitude innovadora e espertar o espírito emprendedor entre estudantes das principais universidades españolas. As persoas que o cursen terán a oportunidade de vivir o proceso completo de innovación, desenvolvendo un proxecto emprendedor coa axuda de emprendedores e business angels. A través dun programa único, esta iniciativa aposta por unha formación diferente enfocada a desenvolver o pensamento creativo e a resolución de problemas con respostas innovadoras que acheguen valor. Ao longo do curso analizaranse tendencias clave de innovación na actualidade, da man de profesionais e emprendedores de primeiro nivel. Ademais, ao rematar o curso, poderán realizarse prácticas en empresas nacionais e internacionais que apostan pola innovación. Akademia Project, unha iniciativa de carácter gratuíto, diríxese a estudantes de últimos cursos de calquera titulación universitaria que participarán en doce sesións ao longo de todo o curso, catro delas reservadas para que o alumnado desenvolva un proxecto emprendedor que será presentado na sesión de clausura ante un xurado formado por expertos, emprendedores e potenciais inversores. Para formalizar a inscrición en Akademia Project hai que enviar un currículo a akademiafibk [at] bankinter.es (akademiafibk[at]bankinter[dot]es) antes do 11 de outubro. Ademais, o próximo día 6 de outubro, ás 12.00 horas no Salón de Graos da Facultade de Farmacia, está prevista unha sesión de presentación para todo o alumnado interesado. O curso desenvólvese en diversas universidades de toda España, e no caso da institución compostelá conta co apoio da Área de Valorización, Transferencia e Emprendemento da USC (AVTE). Os/as participantes aprenderán dun xeito colaborativo e moi participativo a partir dunha metodoloxía innovadora baseada na utilizada por algunhas das mellores escolas de negocio do mundo. O 93% do alumnado que ten pasado en edicións anteriores por esta convocatoria, algo máis de 1.000 universitarios e universitarias de titulacións diversas, recomendan esta iniciativa, destacando que Akademia lles ofrece ferramentas, conceptos e técnicas enfocadas á innovación con independencia da rama de procedencia das persoas interesadas.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 21.09.2015.