Ir o contido principal
STG

O Curso de Emprendemento Universitario mostrará 'O que te interesa saber antes de crear a túa empresa'

No curso inscribíronse máis de 260 universitarios
No curso inscribíronse máis de 260 universitarios

A incubadora de empresas da USC, Uninova, organiza ao longo de toda esta semana unha nova edición do Curso do Emprendemento Universitario que nesta ocasión leva por lema ‘O que te interesa saber antes de crear a túa empresa’. Trátase dunha acción formativa cofinanciada polo proxecto europeo Transtic da Iniciativa Comunitaria Interreg IIIA.
O obxectivo do curso é facilitar aos alumnos de calquera dos centros universitarios da USC con escasos coñecementos a cerca da xestión empresarial os criterios de análise precisos á hora de poñer en marcha unha nova iniciativa empresarial.
Validable poruncrédito de libre configuración, o curso comeza este luns 24 na Aula Magna da Facultade de Química onde se desenvolverá ao longo de toda a semana en horario de 16.00 a 21.00 horas. Na inauguración intervirán o decano do centro, Ramón Estévez Cabanas, o director do Programa Uniemprende, Carlos Hernández Sande; e o xerente de Uninova, Gustavo Marcos Cancelas.
Ao longo destas cinco sesións, analizarase a idea empresarial articulándoa nun plan de empresa que recolla os aspectos fundamentais, como a integración da empresa no seu entorno, a avaliación do plan director da empresa e a análise económico da empresa. Adicionalmente, analizaranse as axudas existentes para iniciativas empresariais procedentes do entorno universitario e contarase coa participación de empresas xurdidas da propia USC como casos de éxito.
Nas sesións, o persoal de Uniemprende, programa de fomento da cultura emprendedora da USC, exporalle aos asistentes as facilidades e actividades que están a desenvolver para a promoción do emprendemento universitario.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 24.03.2008.