Ir o contido principal
STG

Un curso para estudantes e profesionais propón ‘Unha terapia de solución de problemas breve en grupo aplicada á depresión’

A Unidade de Trastornos Depresivos do Departamento de Psicoloxía Clínica e Psicobioloxía da USC organizará nos vindeiros meses un curso de perfeccionamento dirixido a estudantes e profesionais baixo o lema ‘Unha terapia de solución de problemas breve en grupo aplicada á depresión’. O curso busca ensinar aos participantes un tratamento breve e eficaz en formato grupal para afrontar a depresión, adaptable a distintas poboacións e que se pode administrar de xeito presencial ou noutras modalidades. Esta é unha proposta desenvolvida pola propia Unidade de Trastornos Depresivos da USC previamente testada. Como apuntan dende a unidade universitaria a depresión é un trastorno con elevada prevalencia e importantes custes no ámbito persoal, familiar e social. Non obstante, é unha doenza infrarrecoñecida e infratratada da que só se detectan a metade dos casos existentes en atención primaria. Destes, como apuntan os investigadores, poucos reciben un tratamento axeitado. Fronte esta realidade, os promotores do curso sinalan que a depresión ten un bo prognóstico e responde ben a algunhas das intervencións psicolóxicas e psicofarmacolóxicas. A preinscrición xa se pode formalizar ata o próximo 26 de marzo, para o que as persoas interesadas deberán dirixir un correo electrónico a fernandolino.vazquez [at] usc.es (fernandolino[dot]vazquez[at]usc[dot]es) indicando nome e apelidos, DNI, titulación ou estudos que se estean cursando actualmente, correo electrónico e teléfono e contacto. Este é un curso de formación continua que dirixen Fernando Lino Vázquez González e Ángela Juana Torres Iglesias que se desenvolverá en distintas datas dos vindeiros meses de abril e maio. Ao finalizar o curso se entregará un certificado de asistencia ademais de poder solicitar un diploma de participación expedido pola USC no que figuran a relación de materias e créditos cursados. Igualmente se poderá solicitar 1 crédito de libre configuración validable polas 30 horas de carga lectiva que cursará o alumnado que se matricule. Para máis información, as persoas interesadas poden poñerse en contacto coa Unidade de Trastornos Depresivos (despacho nº 30, da Facultade de Psicoloxía), no teléfono 881813705 ou consultar a páxina web www.usc.es/utdepre.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 16.03.2012.