O Curso de Primavera da USC en Lugo dedica a súa penúltima xornada aos problemas de edición dos textos medievais
A xornada do venres 4 do VIII Curso de Primavera da USC que estes días se desenvolve na Facultade de Humanidades de Lugo estará centrada nos problemas de edición dos textos medievais. Sobre esta cuestión tratará o relatorio do catedrático de Lingua Española da USC Alexandre Veiga, titulado ‘Recitador, copista, paleógrafo, editor. Sobre os problemas de reconstrución crítica dun texto castelán medieval’ (11.00 horas). Tamén o profesor Ricardo Pichel, da Universidad Complutense de Madrid, centrará a súa intervención no encontro nesta mesma temática, co relatorio que pecha a sesión de mañá desta penúltima xornada do curso: ‘Problemas de edición de textos galegos medievais’. Xa pola tarde o ciclo de conferencias retómase ás 17.00 horas coa presentación da profesora da USC Beatriz Fernández Herrero, quen falará sobre as misións enviadas polos franciscanos a América na época inmediatamente posterior ao descubrimento do Novo Mundo. A xornada do venres péchase coa participación da profesora da Universidad Complutense de Madrid Ana Isabel Carrasco Manchado, cuxo relatorio leva por título ‘Análise das fontes literarias para a historia da cultura política na Idade Media castelá’. Esta oitava edición do Curso de Primavera remata o sábado 5 cunha visita ao contorno catedralicio de Lugo e cunha sesión de traballo no Museo Provincial, onde os arredor de 50 participantes no encontro realizarán tamén un percorrido polo claustro e algunhas das súas salas.