Ir o contido principal
STG

O Curso de Primavera da USC en Lugo remata cunha representación musical a partir dun pergameo do século XIII

A última xornada inclúe tamén unha visita á cidade vella e ao contorno da catedral e un percorrido polo claustro e as salas do Museo Provincial

O Curso de Primavera, organizado pola Facultade de Humanidades da USC en Lugo, remata a súa oitava edición cunha última xornada o sábado 5 na que a actividade se traslada desde o campus lucense ao Museo Provincial. Antes, os arredor de 50 participantes no encontro realizarán un itinerario guiado pola parte vella da cidade, principalmente no contorno catedralicio. Ás 11.30 horas, xa no museo, o profesor José María Anguita Jaén presentará na súa intervención un pergameo lucense do XIII recentemente reconstruído e no que se atopa o fragmento dun texto litúrxico inédito. Ao remate do relatorio, o músico Fernando Gómez Jácome (coautor do estudo sobre o pergameo) e os membros do grupo vocal Solo Voces que dirixe realizarán unha representación musical a partir da notación contida do documento presentado. Unha visita ao claustro (onde se expón a lauda de Tirimol, un dos motivos centrais desta edición do encontro) e a algunhas das salas do Museo Provincial poñerá o remate ás actividades do curso.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 04.05.2012.