Ir o contido principal
STG

Un curso en Psicoloxía actualizará os últimos avances en materia de violencia de xénero

A Unidade de Psicoloxía Forense da USC xunto coa Asociación Galega de Psicoloxía e Lei, a Sociedad Española de Psicología Jurídica y Forense e o grupo PS1 da Universidade de Vigo organizan unhas xornadas de actualización profesional no eido da violencia de xénero. O encontro celebrarase dende este mércores ata o próximo sábado 10 de xullo na Facultade de Psicoloxía da USC. O reitor Juan Casares inaugurará o encontro nun acto que comezará ás 9:00 horas. Deseguido, o catedrático de Psicoloxía da Personalidade, Avaliación e Tratamento psicolóxico, Antonio Andrés Pueyo, pronunciará un relatorio sobre avaliación do risco en violencia de xénero. O catedrático de Psicoloxía Criminal da USC, Jorge Sobral, tomará o relevo para presentar unha intervención sobre ‘ Sociedade androcéntrica, psicoloxía e agresión sexual’. Esta primeira xornada rematará pola tarde coa celebración dunha mesa redonda na que xuristas e psicólogos realizarán unha análise xurídica da Lei de violencia de xénero. Este curso, recoñecido cun crédito de libre configuración para todas as titulacións da USC, procura un tratamento integral e multidisciplinar da violencia de xénero, dende o punto de vista particular da atención á vítima e a intervención co agresor. A partir deste enfoque pretende operar como espazo de debate sobre a temática contando coas de todos os colectivos e profesionais implicados. As persoas interesadas atoparán ao longo dos catro de días que dura o curso diferentes achegas nas que se fará unha análise xurídica da Lei de violencia de xénero e se debaterá sobre a intervención con maltratadores, xa sexa en prisión ou en liberadade, e coas vítimas, profundando tamén nos avances neste eido e noutros aspectos como os factores psicosociais desta manifestación violenta, a avaliación psicopatolóxica ou a proba pericial psicolóxica neste contexto.

As intervencións programadas corresponderán a expertos universitarios procedentes das universidades de Barcelona, Vigo, Murcia, Granada e Oviedo, e a profesionais do ámbito da Xustiza, da psicoloxía clínica, da administración estatal e de consultoras especializadas neste ámbito.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 06.07.2010.