Ir o contido principal
STG

Un curso da USC estuda cómo erradicar a pobreza no mundo a través de modelos alternativos de desenvolvemento

O 'II Curso de Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano' celébrase de xeito paralelo nos campus de Santiago e Lugo

Coa pretensión de ofrecer unha visión mundial das causas e consecuencias da pobreza na actualidade, a Universidade de Santiago organiza a segunda edición do curso ‘Tecnoloxía e Cooperación para o Desenvolvemento Humano’ que dará comezo este venres, día 9, na Escola Técnica Superior de Enxeñaría de Santiago e, de xeito paralelo, na Escola Politécnica Superior de Lugo. Ademais de abordar a enxeñaría como unha ferramenta esencial para o acceso universal aos servizos básicos, estas xornadas analizarán a aplicación de modelos alternativos para erradicar a desigualdade económica que existe en todo o planeta.
Durante esta sesión inaugural, o curso contará coa presenza de conferenciantes da talla do catedrático do Departamento de Economía Aplicada da USC, Ramón López, que explicará que é o subdesenvolvemento, ou os profesores da Área de Dereito Internacional Público e Relacións Internacionais da USC, Carlos Teijo e Rafael García, que falarán sobre a axuda internacional para o desenvolvemento destacando o papel dos gobernos, organismos financeiros, universidades e ONGD’s.
Nas xornadas, que continuarán os días 10, 11, 23, 24 e 25 de marzo, trataranse temas como as culturas indíxenas, os novos movementos sociais no Norte e no Sur, a perspectiva de xénero, o medio ambiente, a educación para o desenvolvemento, a análise territorial dos asentamentos humanos, a auga e saneamento, as enerxías renovables, o software libre ou o desenvolvemento agropecuario, entre outros.
Organizado en colaboración coa Xunta de Galicia e a ONGD Enxeñaría sen Fronteiras, o curso tamén acolle a representantes de organizacións non gobernamentais como Médicos do Mundo, Amarante, Implicadas no Desenvolvemento ou Verdegaia, entre outras.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 08.03.2007.