Ir o contido principal
STG

Un curso de verán da USC propón ‘Contra a fame, defende a terra’

A agricultura, a pesca, a xestión de recursos medioambientais ou a produción agroalimentaria poden abordarse de xeito sostible. Este é a idea de partida do curso de verán ‘ Contra a fame, defende a terra’ que se vai celebrar na Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais entre os días 8 e 10 de setembro cunha carga lectiva de 20 horas. O cambio climático e a súa influencia sobre os recursos do planeta é o relatorio que abrirá o programa da primeira xornada ao que lle seguirán outras dúas intervencións que exploran a relación do cambio climático coa pobreza e o desenvolvemento e cos compromisos dos estados nesta materia. Esta primeira xornada completarase cunha mesa redonda que avalía ‘O fracaso de Copenhague’. Na xornada do 9 de setembro, as distintas intervencións programadas xirarán arredor da pesca artesanal e a acuicultura a pequena escala como oportunidades para o desenvolvemento; novas formas de produción agroalimentaria nas estratexias de posta en valor do patrimonio natural e cultural; ou desenvolvemento e saúda para todos. A sesión rematará cunha mesa redonda sobre o papel da sociedade civil na adopción de estilos de vida sostibles.

O curso rematará o día 10 coa proxección do documental ‘Los espigadores y la espigadora’ e un relatorio sobre ‘Cambio climático e educación ambiental: tirando do fío da sobrealimentación e o consumismo’. Para o seu desenvolvemento conta cun co-financiamento da ONGD Manos Unidas, estando recoñecido pola Consellaría de Educación para Formación Permanente.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 14.07.2010.