Ir o contido principal
STG

Os cursos ‘Galego sen fronteiras’ reiniciarán este verán a súa programación

Esta será a trixésimo terceira edición destes cursos
Esta será a trixésimo terceira edición destes cursos
O ILG colabora un ano máis na organización desta actividade aberta ao alumnado de todo o mundo que xa pode inscribirse ata o 3 de abril
Santiago de Compostela

Os cursos de lingua e cultura galegas ‘Galego sen fronteiras’ volverán reunir este ano en Santiago de Compostela alumnado de todo o mundo, tras a interrupción desta actividade por mor da pandemia. Coa colaboración do Instituto da Lingua Galega da USC (ILG) e organizado pola Real Academia Galega, o prazo de inscrición permanecerá aberto ata o 3 de abril, mentres que o programa desenvolverase do 2 ao 24 de xullo.

O ILG colabora coa RAG na organización destes cursos dende 1988. Dende a súa primeira edición, polas aulas compostelás teñen pasado preto de 3.000 estudantes de múltiples nacionalidades co interese común de coñecer o idioma e a cultura galegas. A súa concepción converte esta convocatoria nun espazo de proxección exterior de Galicia xa que boa parte das persoas estranxeiras e doutras comunidades autónomas que hoxe se dedican a traducir a literatura galega a outras linguas ou a ensinar o galego en universidades europeas, americanas ou asiáticas foron antes alumnado deste programa.

A que será a trixésimo terceira edición destes cursos desenvolverase co apoio económico da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia. A dirección corre a cargo do académico e membro do ILG Henrique Monteagudo e a secretaría académica asúmea a tamén profesora da USC e académica electa María López Sández.

O programa dos XXXIII Cursos de verán de lingua e cultura galegas “Galego sen fronteiras”, coma en anteriores edicións, permitirá que o alumnado goce dunha experiencia de inmersión lingüística e social en Galicia ao tempo que acode a clases e seminarios organizados por niveis. A oferta complétase con visitas e outras actividades que ofrecen ás persoas asistentes unha aproximación ao idioma e á súa realidade dende distintas perspectivas, dende a literaria, lingüística e musical á artística e paisaxística.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 27.02.2023.