D3Mobile sitúa a USC no cumio da fotogrametría
A Sociedade Internacional de Fotogrametría e Sensores Remotos (ISPRS), patrocinará en 2020 o campionato científico escolar D3Mobile Metrology World League, un programa de estímulo de vocacións científicas entre o alumnado de ensino medio a través do escaneamento 3D de precisión, promovido e organizado polo grupo Cigeo da USC, segundo se recolle na resolución dos catro proxectos incluídos na última convocatoria de Iniciativas Educativas apoiadas pola ISPRS
que vén de ser publicada na súa web.
A Sociedade Internacional de Fotogrametría e Sensores Remotos (ISPRS) é a sociedade internacional máis antiga no seu campo e orienta a súa actividade ao desenvolvemento da cooperación internacional para o avance da fotogrametría, a teledetección e as ciencias da información espacial e as súas aplicacións. Trátase dunha sociedade constituída por máis dun centenar de organizacións de preto dun centenar de países relacionadas con estes ámbitos de actuación e conta con financiamento de entidades líderes no sector, tales como o son a Nasa, Airbus ou Leica Geosystems. Alén da promoción de iniciativas educativas de alcance, ISPRS tamén organiza con regularidade congresos e simposios, ao tempo que edita, entre outras publicacións, a revista de investigación JCR con máis factor de impacto no seu ámbito.
O proxecto D3Mobile, que nesta oitava edición xa en marcha conta coa colaboración da Universidade de Florencia, foi seleccionado para o seu financiamento por parte da ISPRS xunto a outro tres iniciativa promovidas polo Instituto Universitario Politécnico de Turín, a francesa Universidade de Aix-Marsella e a Universidade de Enxeñaría Civil e Arquitectura de Beijing. Deste xeito, a inclusión de D3Mobile entre as catro propostas seleccionadas como Iniciativas Educativas da ISPRS converten á USC na primeira universidade española que acada financiamento nesta convocatoria internacional.
A achega financeira recibida da ISPRS constitúe un novo recoñecemento da calidade dos proxectos seleccionados, ao tempo que supón un orgullo para o grupo de investigación Cigeo da USC, segundo sinala o director do proxecto D3Mobile, Juan Ortiz Sanz. Este profesor do Departamento de Enxeñaría Agroforestal na Escola Politécnica Superior de Enxeñaría da USC salienta asemade que este novo recoñecemento contribuirá a unha maior difusión internacional do campionato D3Mobile, unha das actividades da Agrupación Estratéxica de Investigación do Campus Terra da USC BioReDes para favorecer e fomentar as vocacións científicas e a internacionalización da sede universitaria luguesa.
Ortiz sinala neste senso que “os equipos participantes no D3Mobile demostran ano tras ano a súa capacidade para converter os seus propios teléfonos móbiles nun escáner 3D cun software gratuíto e para realizar un proxecto de investigación co obxectivo específico de conseguir mellores resultados de precisión nos seus métodos de medición, de tal modo que gaña o campionato o equipo que alcanza erros máis baixos nas súas medicións”.
Moitos dos centros educativos que contan con equipos inscritos no campionato D3Mobile optan por adoitar esta competición como proxectos transversais do propio centro, sinalaron o coordinador do D3Mobile, Juan Ortiz, e Mariluz Gil Docampo, directora do grupo de investigación Cigeo da USC, no que tamén participan os investigadores Marcos Arza García, Teresa Rego Sanmartín e Simón Pena Villasenin.
O campionato D3Mobile Metrology World League constitúe xa unha iniciativa consolidada logo de ter completado con éxito sete edicións. Nesta nova andaina, D3Mobile conta co apoio do Centro Español de Metroloxía (CEM), do Instituto Xeográfico Nacional (IGN), a Xunta de Galicia, a Deputación Provincial de Lugo e o Concello de Lugo, así como doutras entidades como a Fundación Mulleres ou a empresa PCE, entre outras.