Ir o contido principal
STG

Debate na USC sobre os procesos de adopción

A avogada experta en familia Ana Miramontes imparte unha nova sesión da 'Choiva de ideas' da Unidade de Atención Temperá da USC

A avogada Ana Miramontes será a encargada de impartir o venres 13 unha charla sobre os procesos de adopción, especialmente internacionais, nunha nova sesión da actividade ‘Choiva de ideas’ da Unidade de Atención Temperá da Universidade de Santiago. Estará acompañada pola directora da Unidade, a profesora María José Buceta, e por unha nai que explicará a súa experiencia persoal. A actividade -gratuíta, aínda que con prazas limitadas- mantén o prazo de inscripción aberto enviando un correo ao enderezo mjosecarmen.buceta [at] usc.es (mjosecarmen[dot]buceta[at]usc[dot]es). Durante a sesión, ás 19.30 horas na sede da Unidade na Facultade de Psicoloxía, a especialista en familia, adopción e xestación subrogada e técnica xurídica da Asociación de Apoio para a Adopción Internacional MIMO, Ana Miramontes, analizará as claves da adopción dun menor estranxeiro por unha única persoa ou parella, falará do papel dos medios de comunicación neste proceso e resolverá as dúbidas dos asistentes. Intercambio con La Laguna A Unidade de Atención Temperá comezará nos próximos meses un intercambio coa súa homóloga na Universidade de La Laguna, dirixida pola profesora Josefina Sánchez Rodríguez. María José Buceta viaxou recentemente ás Illas Canarias para coñecer de primeira man as diferentes formas de avaliación en nenos e adolescentes con algún trastorno no desenvolvemento levadas a cabo na Facultade de Educación da Universidade canaria, onde teñen gran importancia as prácticas psicomotrices, a educación especial e a integración educativa. Este intercambio materializarase coa incorporación dalgúns profesionais da Unidade de La Laguna como docentes nas vindeiras edicións do Máster en Avaliación e Intervención en Atención Temperá da USC.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 10.12.2013.