O decano da Facultade de Humanidades de Lugo tomou posesión do seu cargo
O catedrático do Departamento de Lingua Española Alexandre Veiga Rodríguez tomou posesión este luns do seu cargo como decano da Facultade de Humanidades do Campus de Lugo nun acto presidido polo reitor, Senén barro.
Ao acto protocolario, celebrado na Vicerreitoría de Coordinación do Campus, asistiron ademais o vicerreitor de Coordinación, Carlos Herrero Latorre, e os membros do goberno de Aleixandre Veiga, a vicedecana Isabel González Rey e a secretaria Concepción Fernández López.
Alexandre Veiga aproveitou a ocasión para reclamar a atención do reitor para os estudos humanísticos e destacou o potencial do equipo docente da Facultade. Pola súa banda, o reitor agradeceu o esforzo do persoal docente e investigador do centro e amosouse convencido do seu futuro.
O decanoAlexandre Veiga foi o único candidato das pasadas eleccións e, dos 35 votos emitidos, recibiu 21 a favor, 13 foron en branco e un nulo. No seu programa amosa especial preocupación polos futuros estudos de grao e a súa estruturación de materias por ramas. Outra das cuestións que pretende abordar no seu mandato é o requirimento de créditos de contido didáctico que habiliten aos alumnos para a concorrencia a oposicións de ensino medio.