Ir o contido principal
STG

Unha delegación da Universidade de Sun Yat-sen inicia unha visita á USC

A de Sun Yat-sen está considerada unha das mellores universidades de China

Unha delegación da Universidade de Sun Yat-sen de China iniciará este xoves 15 unha visita á institución académica compostelá que se estenderá ao longo da xornada do venres 16 co obxectivo de fortalecer e ampliar relacións entre ambas. Asentada en Guangzhou, capital da provincia de Cantón, a de Sun Yat-sen está considerada unha das mellores universidades de China. A USC mantén con esta institución universitaria un convenio de intercambio dende principios deste mesmo ano, a través do que a universidade compostelá ten recibido nove alumnos chineses. A primeira cita desta visita será este mesmo xoves 15, ás 20.00 horas na aula 2.11 da Facultade de Química, onde os integrantes da delegación se reunirán cos estudantes de intercambio procedentes de Sun Yat-sen que este ano se atopan en Santiago, así como con estudantes de lingua chinesa que cursan estudos no Centro de Linguas Modernas (CLM). Na xornada do venres 16, ás 10.00 horas no Salón Reitoral do Colexio de San Xerome terá lugar un encontro de traballo no que participarán, ademais do vicerreitor de Relacións Exteriores e Internacionalización, o coordinador de Relacións Exteriores, Jacobo Feás; o xefe do Servizo de Relacións Exteriores, Enrique López Veloso; o decano da facultade de Filoloxía, Ernesto González Seoane; a vicedecana de Relacións coas Empresas e Institucións da Facultade de Ciencias Económicas, Loreto Fernández; e a directora do CLM, Katerina Vlasakova.

Os contidos desta páxina actualizáronse o 15.12.2011.