Ir o contido principal
STG

Demostran a viabilidade de valorizar os efluentes das industrias láctea e conserveira de peixe mediante fermentación anaerobia

Tamara Casero nun laboratorio de Cetaqua
Tamara Casero nun laboratorio de Cetaqua
O achado, que os transforma en ácidos graxos volátiles, supón unha aposta pola economía circular no sector alimentario
Santiago de Compostela

A economía circular está a redefinir a maneira en que entendemos os efluentes industriais, ofrecendo novas oportunidades de valorización onde antes só se vían focos de contaminación. Neste contexto, o sector alimentario destaca polo seu elevado consumo de auga e pola xeración de grandes volumes de efluentes ricos en compostos con potencial para seren recuperados ou transformados en produtos de valor engadido. En Galicia, esta realidade adquire unha relevancia especial nos sectores lácteo e conserveiro, dous piares da economía galega que se presentan como escenarios ideais para aplicar estratexias de valorización de recursos no marco da economía circular.

Baixo esta perspectiva, a investigadora Tamara Casero Díaz centrou a súa tese doutoral na valorización dos efluentes xerados polas industrias láctea e conserveira de peixe para a produción de ácidos graxos volátiles mediante fermentación anaerobia, unha alternativa que permite transformar residuos en recursos de valor engadido. Trátase dunha tese industrial, realizada no marco dunha colaboración entre CETAQUA Galicia e o Centro Singular de Investigación interdisciplinaria en Tecnoloxías Ambientais (CRETUS) da USC no ámbito do grupo de Biotecnoloxía Ambiental (BioGroup).

Para o estudo empregáronse procesos de fermentación anaerobia, unha biotecnoloxía capaz de transformar a fracción orgánica dos efluentes en produtos químicos de valor engadido como son os ácidos graxos volátiles, compostos de alto interese industrial. O traballo combinou ensaios a escala de laboratorio e piloto preindustrial, coa análise de distintos parámetros operativos e condicións de proceso para optimizar a produción e comprender o comportamento do proceso con estas correntes complexas.

O traballo permitiu identificar as condicións operativas máis adecuadas para maximizar a produción destes compostos e comprender como inflúen no rendemento de produción e no espectro de ácidos producindo parámetros como o tipo de substrato, o tempo de retención ou a estratexia de alimentación do reactor. Ademais, os resultados confirman que o proceso para o tratamento de efluentes lácteos é economicamente viable, con maior potencial nos modelos centralizados (tratando conxuntamente os efluentes producidos en Galicia). “Estes resultados proporcionan unha base sólida para futuras decisións estratéxicas e reforzan o interese en optimizar esta tecnoloxía de valorización”, explica Tamara Casero.

Cum laude

A tese de doutoramento, que dirixiron os docentes Marta Carballa Arcos e Miguel Mauricio Iglesias xunto coa responsable do ámbito Residuo Cero e Descarbonización de CETAQUA, Celia Castro Barros, realizouse no marco dos proxectos Interreg POCTEP CONSERVAL e da Unidade Mixta CIGAT CIRCULAR. Ademais, a investigadora realizou unha estadía no Centro de Enxeñaría Biolóxica da Universidade do Minho (Portugal), fortalecendo a colaboración internacional. Como resultado deste traballo publicáronse tres artigos en revistas de impacto e presentouse unha patente pendente de exame, evidenciando o potencial de transferencia e aplicación industrial da investigación.

O tribunal encargado de avaliar esta tese estivo presidido pola profesora da Universidade da Coruña María del Carmen Veiga, acompañada pola investigadora Ramón y Cajal da USC Alba Pedrouso e polo profesor Nicola Frison, da Università degli Studi di Verona (Italia). Acordaron por unanimidade a cualificación de sobresaliente cum laude.

Tamara Casero, no centro, acompañada dos membros do tibunal e directores da tese
Tamara Casero, no centro, acompañada dos membros do tibunal e directores da tese
Os contidos desta páxina actualizáronse o 02.12.2025.