Ir o contido principal
STG

Dereito reivindícase na súa festividade como “espazo de reflexión pausada” para a procura de “solucións fundamentadas”

De esquerda a dereita, David Vilas, Ana Gude, Antonio López, Diana Santiago e Andrea Garrido. FOTO: Santi Alvite
De esquerda a dereita, David Vilas, Ana Gude, Antonio López, Diana Santiago e Andrea Garrido. FOTO: Santi Alvite
No acto fíxose entrega da insignia da Facultade aos docentes Ángel García Vidal, Carlos Teijo García e Teresa Bouzada Gil con motivo dos seus 25 anos de servizos no centro
Santiago de Compostela

A decana da Facultade de Dereito da USC, Ana Gude, lembrou este venres 23, no acto conmemorativo da festividade de San Raimundo de Peñafort, patrón do centro, que “nun tempo marcado pola simplificación do debate público e pola polarización, a institución universitaria debe manterse como un espazo de reflexión pausada, onde se valoren o matiz, a ponderación e a procura de solucións fundamentadas”. A profesora Gude destacou que “esa é unha das funcións esenciais dunha Facultade como a nosa: contribuír á formación de profesionais capaces de exercer as súas funcións con rigor ético e conciencia cidadá”.

O acto que estivo presidido polo reitor Antonio López Díaz contou tamén coa participación da secretaria xeral, Diana Santiago, e coa intervención da secretaria do centro, Andrea Garrido Juncal, que deu lectura á memoria de actividades. A lección maxistral correu a cargo de David Vilas Álvarez, avogado xeral do Estado. No marco da sesión, procedeuse á entrega da insignia da Facultade aos docentes Ángel García Vidal, Carlos Teijo García e Teresa Bouzada Gil con motivo dos seus 25 anos de servizos no centro.

“Escenario convulso”

A profesora Gude quixo dedicar boa parte do seu discurso ao actual “escenario convulso” a nivel internacional e marcado pola “desinformación deliberada, a banalización da corrupción e a manipulación das regras”. Esta circunstancias, dixo, “poden erosionar a confianza nas institucións e afectar á percepción das garantías comúns”. Para a decana, “a defensa da calidade académica é tamén unha forma de protección do Estado de Dereito: unha aplicación das normas sen preparación adecuada, sen criterio ou sen conciencia dos seus límites pode converterse nunha fonte de inseguridade e desigualdade”.

Retos

O acto tamén serviu para poñer o foco nos retos de futuro e de xeito específico nos desafíos que formula a Intelixencia Artificial. “Estas tecnoloxías están chamadas a transformar profundamente a práctica profesional e a docencia universitaria, e obrigan a repensar aspectos centrais como a transparencia, a protección de dereitos fundamentais ou a delimitación de obrigas e garantías”, sinalou Ana Gude. “A función das Facultades non é rexeitar a innovación, senón contribuír a gobernala, formando xuristas capaces de anticipar riscos asociados á desinformación, á manipulación e ás decisións adoptadas á marxe das regras”, engadiu. Neste senso, a decana reivindicou a necesidade dunha Facultade rigorosa, aberta e comprometida, na que o conxunto da comunidade universitaria se sinta parte “dun proxecto común ao servizo da xustiza e da convivencia”.
 

Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Asistentes ao acto. FOTO: Santi Alvite
Os contidos desta páxina actualizáronse o 23.01.2026.